Hoxe é Martes 23 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O BNG demanda en Chapela pantallas acústicas “adaptadas ao entorno”

PantallasBNG

A través de diversas iniciativas presentadas polo deputado nacionalista, Néstor Rego, o BNG pretende coñecer os pormenores da obra de instalación de pantallas acústicas na AP-9 ao seu paso por Chapela. Hai anos que existe o compromiso do goberno central para instalar estas barreiras co obxectivo de mitigar o “ruído enxordecedor” que provoca o tráfico da autoestrada. O grupo nacionalista demanda “celeridade na obra” para reducir esta contaminación acústica que padecen os veciños desde hai décadas. Outra preocupación do BNG é “como se van construír esas pantallas”. O concelleiro Xoán Carlos González advirten que a información da que dispoñen “non é nada alentadora”. Sinala que nunha xuntanza da alcaldesa, Digna Rivas, coa comunidade educativa do IES Chapela, a rexedora afirmou que as pantallas acústicas construiríanse de formigón, opción que rexeitan dende os colectivos veciñais e tamén dende o BNG. “Non imos quedar de brazos cruzados mentres se volve a agredir á parroquia”, sinala González. Alerta que esta opción crearía “un enorme balado no medio e medio da parroquia cun impacto moi negativo”. Sospeita o edil que, como sucedeu co Proxecto de Reposición de Vías, o proceso de alegacións se abra en pleno mes de xullo e agosto “co que a resposta política e veciñal vese enormemente mermada”.

Para coñecer os detalles do proxecto o deputado Néstor Rego presentou varias preguntas por escrito no Congreso, xunto cunha Proposición non de Lei para ser debatida na Comisión de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana. O obxectivo desta proposta é comprometer ao Ministerio para que os elementos que se instalen como barreiras acústicas na AP-9 “sexan máis respectuosos co noso medio e coa veciñanza de Chapela”, explica González. Outra das cuestións que propón o BNG é que o proxecto recolla tamén a instalación de pantallas acústicas na avenida de Redondela “entre o CEIP Alexandre Bóveda e o Alto da Encarnación”. Entenden que as compensacións do Ministerio de Mobilidade pola ampliación de AP-9 debe redundar directamente “na mellora da calidade de vida da veciñanza de Chapela, instalando pantallas acústicas adaptadas ao entorno”.

Niveis de ruído por riba do máximo permitido

O elevado nivel de ruído que provoca o tráfico da AP-9 xera incomodidade e mesmo problemas de saúde aos residentes da zona. O pasado 4 de xuño o IES Chapela saíu á rúa para esixir a instalación das pantallas acústicas “xa”, logo de anos de “promesas incumpridas”. O alumnado do centro debe soportar un volume de ruído por riba dos 65 dB, incumprindo a lexislación que marca un máximo de 55 dB. Esta situación provoca “tensión e cansazo no alumnado, e baixa o seu rendemento académico”, tal como explican desde a dirección do centro. A mobilización foi apoiada tamén polos colectivos veciñais de Chapela, Trasmañó e Teis, e tamén por todos os grupos políticos con representación no Concello de Redondela.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará