Hoxe é Xoves 28 de Marzo de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

A análise do verquido de Rande apunta a Aucosa

mancha

A concellería de Medio Ambiente remitiu xa o resultado da análise da vertedura detectada no mes de maio á Xunta de Galicia. Os resultados apuntan a que procedía de Aucosa, empresa de Cabanas que elabora fariñas e aceites de peixe. O pasado martes, día 22, detectouse outra mancha moi similar nas inmediacións da praia de Arealonga da que se tomaron novas mostras.

O laboratorio comparou a mostra tomada na ría o pasado 26 de maio polos técnicos do Concello con outras dúas recollidas nos tanques da empresa. Finalmente confirmáronse as sospeitas e comprobouse que a substancia presente nas tres mostras “é da mesma natureza de acordo coa comparativa de perfís realizada”. O departamento de Medio Ambiente xa enviou á Dirección Xeral de Cambio Climático, á de Gandería e a Augas de Galicia os resultados da analítica. O inspector medio ambiental do Concello corrobora tamén no informe remitido á Xunta “que queda acreditado que a substancia das tres mostras é a mesma”. A vertedura, que causou alarma entre a veciñanza e os mariñeiros que se atopaban faenando na zona, era de grandes dimensións. Tratábase dunha mancha de cor alaranxada, compacta, aceitosa e cun forte cheiro a peixe. Esta semana, o pasado martes, apareceu na ría unha nova vertedura moi similar. Nesta ocasión as correntes levaron a mancha ata as inmediacións da praia de Arealonga, causando alarma entre a veciñanza polas dimensións do verquido e o cheiro “pestilente” que desprendía. Técnicos do Concello de Redondela tomaron novamente mostras que serán analizadas.

Á espera das accións que leven a cabo os organismos competentes da Xunta de Galicia, o Concello de Redondela requirirá por vía administrativa a Aucosa o custo da analítica efectuada no verquido de maio e tamén da que se encargou o pasado 22 de xuño, en caso de que o resultado desta última sexa o mesmo.

O concelleiro de Medio Ambiente, Roberto Villar, reclama unha vez máis á Xunta de Galicia que asuma a súa responsabilidade e envíe algún inspector á factoría “que está a provocar verteduras na ría e cheiros pestilentes practicamente a diario”. Colectivos veciñais, sociais, confrarías e as agrupacións políticas de BNG, PSdG e AER demandaron á Xunta revisar de oficio a Autorización Ambiental Integrada desta factoría “para non prorrogala”. O colectivo de afectados insiste en que estes verquidos “son motivo máis que suficiente para ordenar o cese da actividade de Aucosa, xa que non pode facer verteduras á ría”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará