Hoxe é Venres 19 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Veciños de Chapela e Teis levan a Pontevedra as protestas pola AP-9

sdr

Manifestación convocada polos colectivos veciñais o pasado mes de marzo

Tal como anunciaran a pasada semana, os colectivos veciñais de Chapela e Teis retoman as mobilizacións ao quedar sen data a supresión da peaxe de Rande e outros compromisos adquiridos polo Ministerio de Transportes. Desta volta levan a Pontevedra as súas protestas, cunha concentración mañá luns diante da Demarcación de Estradas e da Subdelegación do Goberno. As asociacións de veciños denuncian que a administración está a “tomarlles o pelo” logo de anos de promesas incumpridas. Na concentración esixirán “a inmediata supresión da peaxe no tramo Redondela-Vigo, a instalación de pantallas contra o ruído, a conversión da autoestrada nun tramo urbano desde as Torres de Padín e a realización das obras da addenda en Chapela” entre outras melloras comprometidas polo Ministerio de Transportes e Audasa, empresa concesionaria da autoestrada.

Para facilitar o desprazamento ata Pontevedra as asociacións poñen a disposición dos interesados un autobús que recollerá aos participantes en varias paradas. Ás 10.00 horas no IES de Teis, e en Chapela ás 10.10 na Alameda Rosalía de Castro e ás 10.20 no Centro de Saúde. Poden inscribirse nos teléfonos 633778569 ou 649376094.

As concentracións de protesta serán ás 11.00 na Praza de San Roque, fronte ao edificio de Demarcación de Estradas, e ás 12.00 na Praza de España, fronte á Subdelegación do Goberno.

Esta nova mobilización chega despois de que Audasa, a empresa concesionaria da autoestrada AP9, rexeitase o acordo proposto polo Ministerio de Transportes para a eliminación da peaxe entre Redondela e Vigo, e a rebaixa da tarifa no resto de tramos. O ministro Ábalos anunciara para o mes de xullo tanto a supresión da peaxe en Rande como as bonificacións para o resto da autoestrada. A uns días da data prevista, a negativa da concesionaria vai atrasar a supresión da peaxe de Rande, comprometida desde o ano 2017 e longamente esperada polos veciños. As Asociacións de Veciños de Chapela e Teis consideran este novo atraso “unha burla”. Afirman estar fartos de “enganos e escusas” por parte do actual Goberno do Estado e tamén dos anteriores. As demandas veciñais sobre a autoestrada AP9 non se limitan só a supresión da peaxe, lembran tamén a demanda de conversión da autoestrada en tramo urbano desde Padín (Teis) ate o centro de Vigo, con acesos que reducirían o elevado tráfico que padecen Chapela e Teis, especialmente nas avenidas de Vigo e Redondela, e nas rúas Sanjurjo Badía e Travesía de Vigo. Reclaman tamén medidas contra a contaminación acústica comprometidas desde hai anos, coa instalación de pantallas que mitiguen o ruído do tráfico. Lembran que tamén están aínda pendentes as obras de humanización e reposición en Chapela, logo da “desfeita” que supuxo na parroquia a ampliación da autoestrada. Mañá en Pontevedra esixirán “unha data real para a supresión da peaxe no tramo Redondela- Vigo e todas as reivindicacións pendentes relacionadas coa autoestrada AP9”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará