Hoxe é Martes 19 de Marzo de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

A Feira do Libro arranca en Redondela con protagonismo dos autores locais

FEIRAlibroAutores

Esta tarde comeza a VI Feira do Libro de Redondela, que se prolongará ata o domingo cun total de 16 autoras e autores que manterán encontros co público e asinarán os seus libros. A inauguración será esta tarde, ás 19:30 horas na Alameda Castelao. En caso de choiva o acto trasladarase ao vestíbulo do Multiúsos da Xunqueira. O pregón correrá a cargo do xornalista e escritor J. A. Xesteira, que tamén asinará exemplares do seu libro “Cóntamo outra vez, Rick”, publicado por Galaxia. O autor redondelán explica que esta obra recolle relatos curtos de diferentes épocas, algúns con 30 anos de historia. Xesteira enlázaos todos cun fío argumental moi persoal, musical e cinematográfico, propio do autor.

J.A. Xesteira fálanos do libro de relatos “Cóntamo outra vez, Rick”

Mañá venres tamén haberá protagonismo redondelán na Feira de Libro, coa participación da escritora e intérprete Xulia María Barros. Ás 19.00 horas a autora estará asinando a súa última novela “A árbore dos vagalumes”, editado por Belagua. A obra conta a historia de Cesantes, parroquia de onde é veciña Xulia María. A enseada e a illa de San Simón son tamén protagonistas desta emotiva historia interxeracional entre un avó e seu neto. “O valor dos afectos e a importancia de conservar a memoria” son o eixo do libro, como nos conta a autora.

Xulia María fálanos de “A árbore dos vagalumes”, onde un avó conta ao seu neto a historia de San Simón

Ao longo da xornada do venres pasarán tamén pola feira autores como Valentín Carrera, Victoria García, Sara González Veiga ou Ledicia Costas.
O sábado a representación local chegará da man de Andreia Costas ás 18.00 horas. Escritora, docente e artista audiovisual, Costas asinará exemplares do seu libro “Corazón de vaca e outras vísceras”, editado por Urutau. Esta colección de microrrelatos non deixan a ninguén indiferente, con textos moi breves e de gran fondura que remexen as vísceras do lector. Sen adobíos, Costas fala de mulleres fortes que teñen que tomar “a xustiza pola man”.

Andreia Costas asinará exemplares do libro de microrrelatos “Corazón de vaca e outras vísceras”

O cartel de escritores e escritoras do sábado complétano Jamas, Amara Castro, Lorena Conde e Carlos Méixome. A feira rematará o domingo coa participación de Hortensia Bautista, Moncho Iglesias, María Reimóndez, Luz Darriba e Denis Maza.
Organizada pola Federación de Librarías de Galicia, son catro os establecementos que se darán cita na Alameda: Libraría La Imprenta, Libraría Pedreira, Libraría Molière e Libraría Cortizas. Con elas estará tamén a Deputación de Pontevedra. O evento conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e o Concello de Redondela.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará