Hoxe é Sábado 4 de Maio de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O TSXG obriga a readmitir aos policías despedidos en Soutomaior

Soutomaior

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza ratifica a sentenza interposta contra o Concello de Soutomaior polo Xulgado do Social número 1 de Vigo, que declaraba nulo o despido dos auxiliares da Policía Local que exerceron no Concello durante o ano 2019. A sentenza obriga ao goberno local a readmitir aos traballadores, axustar o seu salario ás funcións que realizaban, pagar as nóminas dos meses nos que estiveron desempregados de xeito improcedente, e a facerse cargos das costas xudiciais. Os feitos remóntanse á segunda metade do 2019, período no que o Concello de Soutomaior non contaba con ningún axente da Policía Local no seu cadro de persoal, xa que dos tres axentes que dispoñía até xuño dese ano, dous estaban en excedencia e o terceiro xubilárase. Nesta situación, as funcións policiais foron desempeñadas por dous auxiliares. O BNG de Soutomaior xa denunciara estas presuntas irregularidades no pleno da corporación en setembro de 2019. O goberno local asegurara daquela que a contratación foi “acorde á lei”. O concelleiro do BNG, Diego Moreira, afirma que a sentenza é “un novo revés para o goberno local, e pode que non sexa o último”. Advirte que a decisión xudicial “non fai máis que confirmar o que vén denunciando o BNG desde hai anos: as irregularidades en moitos dos trámites administrativos realizados no Concello, a incapacidade para solucionalos e a facilidade para mentir no pleno e mesmo nos tribunais para tentar ocultalo”. O tribunal afirma na súa sentenza que se carecía do permiso da Xunta e que o procedemento para facer dita contratación foi fraudulento. Así mesmo, tamén recolle a sentenza que “non é de recibo afirmar que, desde xuño de 2019 e sen Axentes de Policía Local en activo no Concello, as súas funcións (dos auxiliares) se restrinxiron ás de Auxiliar”, recoñecendo os agravios legais cometidos polo alcalde e polo concelleiro responsable. O axente ao que afecta directamente esta sentenza, e outro que xa fora readmitido anteriormente, están xa exercendo as súas funcións no municipio.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará