Hoxe é Venres 29 de Marzo de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O servizo de limpeza municipal queda no “aire” ante a falta de acordo do pleno

dav

PSOE e PP acúsanse mutuamente de “falta de responsabilidade” por non sacar adiante o proceso de contratación deste servizo “esencial” para o bo funcionamento das instalacións públicas.

Valoriza, a empresa que realiza o servizo de limpeza nos edificios municipais de Redondela, remata o seu contrato o próximo 30 de xuño. O expediente para poñer en marcha o proceso de adxudicación dun novo contrato foi un dos asuntos debatidos no pleno do mes de maio celebrado onte. A concelleira socialista Olga García foi a encargada de defender a proposta, na que se incluía a aprobación dun novo prego de condicións para a adxudicación do contrato por un importe de 2,3 millóns de euros para dous anos. Tamén se incluía na proposta que a actual empresa debe seguir prestando o servizo mentres non se resolva o concurso. García lembrou que se trata dun servizo “indispensable” tanto nos edificios municipais como nos colexios, xa que se a limpeza é “vital” sempre, desde que comezou a pandemia da Covid “aínda máis”.

Olga García, concelleira do PSdG-PSOE

O BNG rexeitou a proposta. O voceiro Xoán Carlos González defendeu que o servizo podía volver a ser municipal en lugar de contratar a unha empresa “se hai vontade política”. Advertiu tamén que a limpeza por parte da empresa “non se está a facer como debería, porque hai queixas dos centros educativos”. Sinalou tamén que se o servizo se fai público as traballadoras terían unhas mellores condicións laborais.

Xoán Carlos González, voceiro do BNG

Desde a AER recoñeceron tamén que “remunicipalizar” este servizo sería “o desexable”, pero advertiron que os procesos na administración son “moi lentos” e o proceso levaría varios anos. O voceiro Roberto Villar fixo unha proposta para remunicipalizar “parcialmente” a limpeza a partir do ano 2023. Nunha primeira fase serían unha ducia de edificios os que se incluirían (os Multiusos da Xunqueira e o Piñeiral, o local de Protección Civil, Museo Meirande, aula CEMIT, edificio de Servizos Sociais, edificio sociocomunitario de Trasmañó, etc)

Roberto Villar, concelleiro de AER

O PP rexeitou esta proposta. A voceira, Carmen Amoedo, apuntou que a proposta de AER ten boas intencións pero “afástase da realidade”. Criticou que a formación se comprometa a “remunicipalizar” o servizo a partir do ano 2023 “porque é cando remata o seu mandato” e advertiu que non poden comezar o proceso “un mes antes das eleccións municipais”.

Carmen Amoedo, voceira do PPdG

A proposta quedou rexeitada cos votos do PP (9) e os do BNG (2) malia o apoio de PSOE (7) e AER (3). Nun tenso enfrontamento, a alcaldesa Digna Rivas acusou á oposición de manter unha actitude “irresponsable” ao votar en contra, “especialmente ao PP, que gobernou oito anos con este contrato e agora rexéitao”.

Digna Rivas acusou á oposición de “falta de responsabilidade” por deixar ao Concello sen contrato de limpeza

A voceira popular rexeitou as críticas e atribuíu toda a responsabilidade “á alcaldesa”. Amoedo afirmou que se non aprobou o prego para contratar un servizo de limpeza “é culpa do goberno local por non ter capacidade para chegar a acordos coa oposición”.

Amoedo afirmou que non se aprobou o contrato pola “incapacidade” do goberno para chegar a acordos
Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará