Hoxe é Luns 9 de Decembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O PP denuncia “a chantaxe” de Rivas para a contratación do servizo de limpeza municipal

CarmenAmoedo

A empresa que presta o servizo de limpeza dos edificios municipais en Redondela remata o seu contrato o próximo 30 de xuño. O expediente para poñer en marcha o proceso de adxudicación dun novo contrato será un dos asuntos máis polémicos do pleno que se celebra hoxe. Os concelleiros da corporación deberán votar, de maneira conxunta, a obriga da actual empresa de seguir prestando o servizo e a aprobación dun novo prego de condicións para a súa adxudicación a unha nova concesionaria. A voceira do PP, Carmen Amoedo, rexeita esta fórmula que cualifica de “chantaxe”. Por iso o grupo popular solicitou que se vote por separado: por unha banda, a proposta de continuidade do servizo de limpeza, e por outra as condicións para unha nova adxudicación. Se non hai unha prórroga da actual concesión a empresa deixará de prestar o servizo “e o persoal quedará na rúa”, sinala Amoedo. A voceira popular acusa á alcaldesa, Digna Rivas, de querer “culpabilizar” aos demais grupos da corporación desta situación se non se aproba o novo prego de condicións para o contrato.

A convocatoria do concurso público para adxudicar o servizo de limpeza municipal xa fora a debate no pleno do pasado mes de abril. Finalmente non se realizou a votación e quedou enriba da mesa para tentar chegar a un acordo entre os diferentes grupos políticos. A proposta do goberno era adxudicar a unha empresa privada a limpeza dos edificios municipais por un importe de 3.841.217 euros por un período de dous anos, prorrogable por outros dous períodos dun ano cada un. A proposta de “remunicipalizar” este servizo foi rexeitada pola concelleira de Economía, María Castro, xustificándose nun informe técnico que desaconsella esta opción “por non ser rendible economicamente”.

No pleno, que comezará ás 20.00 no auditorio da Xunqueira, o PP tamén pedirá a comparecencia da concelleira de Interior, Marta Alonso, para que explique a situación do SEIS (Servizo de Emerxencias e Incendios) e a organización do futuro GES (Grupo Supramunicipal de Emerxencias). Os populares pedirán tamén a reprobación da alcaldesa como concelleira de Igualdade “pola súa falta de xestión no departamento”. O BNG leva ao pleno desta tarde unha moción para a execución das acometidas do saneamento no lugar do Campiño, en Porto Cabeiro. Por outra banda o grupo municipal socialista pedirá o apoio da corporación para instar á Xunta de Galicia a que asine o convenio das obras de mellora comprometidas na avda Mendiño.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará