Nun encontro cos veciños de Vilar de Infesta, na estrada EP-2906 Os Valos-Guizán, a voceira do PP Carmen Amoedo reclama cambios no proxecto da Deputación de Pontevedra. Esixe beirarrúas, muros e retranqueos en condicións “e non unha senda ao nivel do asfalto que non garante a seguridade dos peóns”. Amoedo lembra que os veciños levan esperando varios anos pola segunda fase da reforma deste vial, coñecido como Estrada do Galleiro. Os traballos comezaron recentemente, pero os populares denuncian que son “insuficientes” e esixen unhas humanizacións “iguais ás que a Deputación fai en Vigo e outros municipios da provincia”.
Amoedo apoia a demanda veciñal de que se manteña o mesmo proxecto da primeira fase, noutro tramo da mesma estrada, e que si inclúe beirarrúas. Desde o PP sinalan que neste lugar a poboación vive moi dispersa e se despraza con frecuencia a pé, “ademais de ser paso de milleiros de peregrinos xa que forma parte do Camiño Portugués”.