A alcaldesa Digna Rivas co propietario do restaurante O Xantar de Otelo e o Patrón Maior da Confraría Xoel López
Do 7 ao 16 de maio Redondela celebrará as Xornadas Gastronómicas do Choco. A situación sanitaria por mor da pandemia non permite celebrar a festa do xeito tradicional, coa instalación dunha carpa e presenza masiva de público. Por iso o Concello optou este ano por organizar unhas xornadas de exaltación do choco en colaboración cos locais de hostalaría que desexen sumarse a esta iniciativa. O luns, día 19, será o último día para que os establecementos de restauración formalicen a súa inscrición nas “Xornadas Gastronómicas Choco de Redondela”. O choco, produto estrela da Enseada de San Simón, será subministrado pola Confraría de Pescadores e subvencionado polo Concello. Tanto as bases como o formulario de solicitude poden consultarse na páxina web do Concello www.redondela.gal.
As xornadas, organizadas polo Concello en colaboración coa Asociación de Hostaleir@s “Rías Baixas”, buscan o dobre obxectivo “de contribuír á dinamización do sector da hostalaría duramente golpeados pola crise sanitaria, e ao mesmo tempo poñer en valor un produto de excelencia como é o choco”, explica a concelleira María Castro. Trátase, polo tanto, que pese a suspensión neste ano da Festa do Choco como tal, “non se teña que renunciar a celebración dun evento que supón unha importante inxección económica para o sector”. As bases establecen, entre outros puntos, que os establecementos participantes incluirán propostas gastronómicas –en salgado ou doce– nas que o produto principal sexa o choco de Redondela. Durante as xornadas, do 7 ao 16 de maio, os establecementos terán un menú a un prezo popular, xa que o cefalópodo contará cunha subvención do Concello. Os locais de hostalaría potenciarán o servizo a domicilio, que será gratuíto, e a recollida no local para consumir na casa.
Para máis información os establecementos interesados en sumarse a estas Xornadas do Choco poden poñerse en contacto co Concello de Redondela a través do teléfono 986 400 300 ou do enderezo de correo electrónico alcaldia@redondela.gal.