Hoxe é Domingo 8 de Decembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Zetta: “Detrás dun vídeo de YouTube hai moitas horas de traballo”

Zetta

O mundo dos Youtubers está cada vez máis de moda. Mozos que se dedican a crear contidos para esta plataforma de internet e que mesmo fan diso unha profesión. É o caso do redondelán Zetta, un mozo de 25 anos que comezou subindo vídeos a YouTube cando era aínda un adolescente. Desde 2017 este é o traballo “a tempo completo” de Cristian, que así se chama cando non é a súa personaxe. Actualmente conta con máis de 612.000 subscritores e unha media de 6 millóns de visitas mensuais. O contido que crea, en ocasións xunto a varios colaboradores, son pequenas pezas audiovisuais nas que dá vida ás historias de animación da serie Mikecrack. Son vídeos dirixidos a un público adolescente, e a maioría dos seus seguidores son de países de latinoamérica.

O último ano, por mor da pandemia, afectou tamén ao sector dos Youtubers. Os seus ingresos proceden da publicidade, e a crise sanitaria supuxo tamén “un baixón” de anunciantes, como explica Zetta. Agora comezan “a remontar”, e o seu obxectivo é seguir medrando en subscritores, ao tempo que comeza tamén a probar sorte noutras plataformas de emisión en directo a través de internet. Advirte que se trata dun sector “onde é complicado manterse porque hai moita competencia”, polo que é imprescindible “renovarse cada día”. O seu desexo é continuar traballando como Youtuber “ata a xubilación”.

Nunha época na que moitos mozos queren dedicarse a este mundo dos Youtubers, Cristian anímaos a probar sorte malia que advirte que “non é tan doado como parece”. Explica que detrás de cada contido que crea “hai moito tempo de traballo”. Un vídeo de 10 minutos de duración supón moitas horas de dedicación para preparar escenarios, vestiario ou o guión, ademais da posterior edición audiovisual.

Internet ofrece ademais moitas ferramentas para aprender a facer contidos audiovisuais e editalos, e moitos Youtubers como Zetta son “autodidactas”. Con todo, unha boa formación para saber producir e editar material audiovisual “axuda moito”, conclúe o mozo redondelán.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará