Hoxe é Sábado 20 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Alumnado do IES Chapela crea “unha ponte entre xeracións”

videoChapela

A pandemia impediu ao alumnado do Ciclo de Axuda a Persoas en Situación de Dependencia (APDS) facer as súas prácticas en residencias ou centros de día. A crise sanitaria da Covid-19 mantivo aos maiores illados para evitar contaxios. Con imaxinación e os recursos que hoxe ofrece a tecnoloxía, desde o instituto idearon un proxecto para “conectarse” cos maiores a través de internet. Fixérono en colaboración co Centro de Día Os Cortizos, de Redondela. O alumnado de 2º de APSD, que ten entre as súas materias a telesasistencia, puido así contactar cos maiores a través de videochamadas. A profesora Saínza Torres foi a encargada de coordinar o traballo, que valora como unha experiencia “moi positiva”, xa que “aos alumnos serviulles para poñer en práctica o que estudan, e aos maiores puideron aprender a manexarse coas novas tecnoloxías e ter contacto con outras persoas”. Confía en que proxectos coma este poidan ter continuidade no futuro.

Saínza Torres, profesora do Ciclo de APSD no IES Chapela

A experiencia consistiu en videochamadas que facían semanalmente na que os maiores lles contaban as súas “historias de vida”. Alumnos como Celia, Óscar e Lucía participaron da actividade. Aseguran que escoitar aos maiores falar das súas vidas e interesarse por como se atopaban foi “moi enriquecedor”. Entenden que a experiencia foi moi positiva tanto para o alumnado “con prácticas reais de teleasistencia” como para os maiores “que puideron saír así do seu illamento”.

Celia, Óscar e Lucía son alumnos do Ciclo de APSD no IES Chapela

O acercamento a través da tecnoloxía fixo posible que maiores e alumnado coñeceran vivencias e compartiran momentos especiais, que quedaron recollidos nun vídeo que pode verse na plataforma Youtube no seguinte enlace https://youtu.be/hVmraWprzM8. Os alumnos crearon tamén outras ferramentas para os maiores, como un vídeo con exercicios de ximnasia para manterse en forma.

Lucía, Celia, a mestra Saínza Torres e Óscar na súa aula do IES Chapela

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará