Hoxe é Venres 26 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O Concello arranxa as beirarrúas da Avenida Mendiño ante o “desinterese” da Xunta

Avenida Mendiño. Reparación parcial beirarrúas (2)

Operarios do concello de Redondela comezaron esta semana os traballos de reparación das beirarrúas da Av. Mendiño nos tramos máis deteriorados ante o perigo que supoñen para a cidadanía. O último incidente producíase a pasada semana cando unha muller tropezaba polo mal estado das baldosas e tiña que ser atendida polos servizos de emerxencia.

Malia ser unha vía de competencia exclusiva da Xunta de Galicia, o Goberno local optou por reparar as zonas que se atopaban en peor estado “para salvagardar a integridade das veciñas e veciños que circulan por unha vía que da acceso ás instalacións deportivas, aos institutos, centros escolares e ao centro de saúde” e na que son varias as caídas que se rexistraron por mor do mal estado de conservación.

Dende o goberno local, salientan que hai máis de catro meses lle remitiron á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade a retención de crédito solicitada pola Xunta como requisito para a sinatura do convenio para a reforma da avenida. Catro meses despois, engaden, “seguimos sen resposta algunha o que demostra claramente que quen non realizara a súa parte era a propia Xunta de Galicia”.

A alcaldesa, Digna Rivas, lamentou “o silencio cómplice” do PP local “que no seu momento urxiu e esixiu ao Concello a tramitar toda a documentación –cando xa sabían sobradamente que dito trámite estaba realizado– e agora gardan o máis absoluto mutismo ante unha inacción da Xunta que prexudica, gravemente, os intereses de todas as veciñas e veciños e optan por antepoñer a ‘obediencia partidista’ ao ben común da veciñanza de Redondela”.

A rexedora local denuncia a falta de comunicación coa Xunta, que segundo di, non responde nin ás chamadas nin ás comunicacións feitas dende o Concello.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará