Hoxe é Mércores 17 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

A nova taxa para apertura de negocios suporá descontos de ata un 90%

dav

O pleno da corporación de Redondela aprobou por unanimidade a proposta da concellaría de Economía para modificar a ordenanza fiscal que regula a taxa por licenza de apertura de negocios. Na norma en vigor ata o de agora a taxa fixábase en función do Imposto sobre Actividades Económicas (IAE). Con este cambio teranse en conta outros parámetros, como a superficie do local e a potencia contratada polos establecementos. A concelleira de Economía e Facenda, María Castro, explica que este cambio simplifica a xestión do imposto “e suporá un aforro importante para a maior parte dos novos negocios”, con descontos de ata un 90%. Puxo como exemplo un estudo de arquitectura, que “coa taxa actual pagaría 2.000 euros de licenza de apertura, e coa modificación serán 200”. Defende que, deste xeito, o Concello contribuirá a “dinamizar” o tecido comercial.

María Castro, voceira do PSdG-PSOE e concelleira de Facenda

Desde a Agrupación de Electores, socios de goberno, consideran tamén que as taxas actuais “eran moi elevadas e non se axustaban á realidade dos negocios”, segundo sinalaba Susana Couñago no pleno telemático celebrado o pasado xoves.

Susana Couñago, voceira de AER

Tamén desde o BNG apoiaron o cambio nesta taxa, que suporá unha caída de ingresos para as arcas municipais duns 30.000 euros anuais. Xoán Carlos González defendeu que na actual situación de crise o Concello “debe facer un esforzo para dinamizar o comercio e a hostalaría”, xa que do contrario Redondela corre o risco de se converter “nunha cidade dormitorio de Vigo”.

Xoán Carlos González, voceiro do BNG

A voceira do grupo municipal do PP, Carmen Amoedo, malia apoiar a proposta por considerala positiva, afirmou que se podería “ter feito máis”. Tamén lamentou que desde o goberno local non permitisen a participación dos demais grupos na modificación da ordenanza.

Carmen Amoedo, voceira do PP

A modificación aprobada no pleno do pasado xoves supón que Redondela se equipare a outros concellos que xa utilizan este baremo para o cobro da taxa de apertura. “É unha maneira de adaptarse á nova realidade marcada pola pandemia e axudar á reactivación do comercio e a economía local”, segundo a alcaldesa Digna Rivas.

Desde a Asociación de Empresarios de Redondela confían en que este cambio que cualifican “necesario e oportuno” consiga fomentar “o emprendemento local”. Con todo, lamentan que desde o goberno local non se consultase co colectivo de empresarios “para recoller as súas opinións”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará