O BM Chapela segue na parte alta da táboa, no segundo posto, malia as importantes baixas que arrastra este ano, entre elas a do seu adestrador Fran Teixeira. O veterano técnico recupérase da última intervención á que se someteu na súa loita contra o cáncer. É o seu fillo Adrián, segundo adestrador do equipo, o que o releva no banco. Explica que o seu pai está a recuperarse na casa “cada día está un pouco mellor e con moitas gañas de volver ao pavillón”. Está moi pendente tanto do Rodosa Chapela como dos rivais, falan a diario e Adrián segue os seus consellos “ao pé da letra, tentando facelo o mellor posible”.
Á baixa de Fran Teixeira o Rodosa Chapela suma outras tres de xogadores importantes. Porque se ben a Covid-19 non está a supoñer de momento un problema, cumprindo protocolos e sen contaxios, as baixas e os compromisos laborais deixaron moi mermado ao equipo. Esta temporada non poden contar con Roberto Sánchez por unha lesión de xeonllo, ao que hai que sumar as baixas por traballo de Pillo e Pablo García.
Con todo, o equipo está a facer un gran esforzo e os resultados son moi positivos. Logo da vitoria da pasada fin de semana ante o Luceros, o Chapela mantén o 2º posto da táboa, a 4 puntos do Xiria que é o líder. Recén iniciada a segunda volta, logo de 16 xornadas, suman 13 vitorias e tan só 3 derrotas. O seu obxectivo, como cada ano, é facerse co campionato ou cando menos xogar a promoción de ascenso. Polo de agora están no bo camiño. Pero Adrián advirte que a segunda volta non será doada, xa que se trata dunha categoría “de moito nivel”. A próxima cita será o derbi comarcal ante o Granitos Ibéricos Carballal. Malia que os vigueses están na metade baixa da táboa, o técnico do Chapela non se fía, advirte que son un equipo “novo e moi forte”, e cualifica o partido como “o máis difícil dos que quedan fóra da casa”.
A cita será o sábado, ás 20.00 horas, no pavillón municipal de Candeán. Mentres a SAR Plastic Omnium recibe na Bomboneira de Redondela ao Carnes do Ribeiro. O domingo ás 12.30 horas.