Hoxe é Venres 3 de Maio de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Cada farmacia poderá recoller 10 test de Covid ao día

fotoFarmacia

Un total de 381 farmacias da provincia de Pontevedra participan no programa de detección de asintomáticos que hoxe puxo en marcha o Sergas. Na comarca son unha ducia de boticas as que recollen as mostras de saliva para realizar o test (7 en Redondela, 3 en Soutomaior, 1 en Pazos de Borbén, 1 en Fornelos de Montes). A alta participación, xunto coa capacidade limitada do laboratorio para analizar as mostras, limita entre 10 e 20 probas diarias as que pode recoller cada botica. Andrea Domínguez, farmacéutica con despacho en Redondela, pide “paciencia” aos usuarios. Recoñece que son moitos os veciños que se interesaron por este cribado desde que se fixo público, e asegura que “todos os que o desexen poderán facelo nos próximos días”. Os farmacéuticos fan unha chamada á calma para evitar aglomeracións nos primeiros días. Por iso recomenda que as persoas interesadas se poñan en contacto con algunhas das farmacias que participan no programa para recoller o kit no que deben depositar a mostra.

Andrea Domínguez, farmacéutica con despacho en Redondela

Estas probas, que son gratuítas, tiveron unha moi boa acollida entre a poboación, e os farmacéuticos amósanse moi satisfeitos por poder colaborar na detección de casos asintomáticos do virus. Domínguez explica que é unha boa ferramenta “para dar tranquilidade ás persoas” que poden saber en pouco tempo se son portadoras do virus ou non, ao tempo que é moi útil para a saúda pública en xeral “xa que axuda a detectar casos e frear a expansión do virus”.

Para poder participar neste cribado é necesario reunir unha serie de requisitos: ter entre 40 e 64 anos, ter o cartón sanitario do Sergas, dispoñer dun teléfono móbil para recibir a mensaxe co resultado da proba, non ter un resultado positivo en coronavirus nos últimos tres meses nin ter feito unha PCR nos últimos 15 días, nin ser contacto de seguimento de COVID-19, entre outros.

O farmacéutico daralle un tubo que leva un código de barras. A mostra deberase recoller á primeira hora da mañá, antes de almorzar e de lavar os dentes. Hai que entregala na farmacia antes das 10.30 horas. O farmacéutico será o encargado de recoller a mostra e rexistrala no sistema. A distribución farmacéutica levarao ao laboratorio de microbioloxía do Meixoeiro. Os resultados obtéñense ao cabo de 24 a 48 horas.

A listaxe de farmacias adscritas ao programa poden atopala na web do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra. Na comarca son as seguintes:

Redondela:

Andrea C. Domínguez, rúa Xeneral Rubín, 27

Manuela Giménez de Azcárate, rúa Ribeira, 4

María Concepción Verde, estrada de Cedeira, 14

María Soledad González, na estrada de Pazos, Reboreda

Ana Isabel Escudero, Avda. de Redondela; Chapela

Marina Huarte, Avda. de Vigo, Chapela

María Dolores Pereiro, Subida a Mouriño, Chapela

Soutomaior:

Eugenia Presas, Avda. José Solla, 3

Begoña Viana, rúa Alexandre Bóveda, 9

Francisco Javier Piñeiro, Avda. José Solla, 61

Pazos de Borbén: farmacia de María Luz Rodríguez

Fornelos de Montes: Juan Ávila, praza da Igrexa, 14.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará