División de Honra Feminina
SAR Rodavigo 31-30
O primeiro tempo foi moi igualado, e unha xogada sobre a bucina permitiu á SAR ir ao descanso coa mínima vantaxe (15-14). Ao comezo da segunda parte, as de “Chini” conseguiron ampliar esa diferenza en 4 goles e mantela até os últimos minutos do partido. O equipo visitante apertou moito no seu xogo e conseguiu porse a un só gol de diferenza a falta de 5 minutos para oo final do encontro. Malia a remontada rival, as de Redondela souberon xestionar a situación e lograr a vitoria final. No próximo partido desprázanse a Vigo para medirse ao UB Lavadores, noutro interesante derbi galego.
Primeira Nacional Masculina
Balonmán Cañiza 25-18 SAR Plastic Omnium
Tal e como prevía Pablo Muíños, o partido presentouse difícil par ao conxunto redondelán, que viaxaba ademais minguado de efectivos. Con todo, o equipo plantou cara e pelexou até o final. No minuto 10 da primeira parte o marcador reflectía un 3-2. A partir de aí os locais foron gañando cada vez máis vantaxe, chegando ao descanso con 15-9 no electrónico. Un bo inicio da segunda parte da SAR permitiu recortar distancias, pero non foron quen de culminar a remontada e o Cañiza volveu despegarse no marcador. A próxima xornada reciben en Redondela ao Carnes do Ribeiro, rival directo na clasificación.
Rodosa Chapela 35-26 Luceros
O conxunto de Teixeira impúxose sen demasiados problemas aos do Morrazo, e mantén a 2ª praza da clasificación. Na próxima xornada visitan a pista do Granitos, cos anfitrións na metade baixa da táboa.