Hoxe é Venres 26 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Pazos rexeita expropiar os terreos para ampliar a estrada Amoedo-Os Valos

EstradaPazos

O alcalde de Pazos de Borbén, Andrés Iglesias, rexeita a proposta da Deputación de Pontevedra sobre as obras de ampliación da estrada provincial EP-2702, que une Amoedo e Os Valos. O ente provincial insta ao Concello a expropiar e ceder os terreos necesarios para mellorar a estrada. Unha xestión que segundo o rexedor local “non é de competencia municipal senón responsabilidade da Deputación como titular da estrada”. Iglesias sinala que desde o Concello sempre se mostraron abertos “a colaborar nos contactos cos veciños e en todas as xestións necesarias”, pero que tras consultar o proxecto cos técnicos, o consistorio non pode asumir “unha obra millonaria que ademais de non correspondernos, endebedaría ao Concello durante anos”, explica Iglesias. O alcalde solicita á Deputación que se faga cargo do proxecto de ampliación “como se ten feito noutras ocasións” e puxo como exemplo a estrada que vai a Soutomaior.

Desde a Deputación o responsable de Infraestruturas, Gregorio Agís, anunciou que o ente provincial pavimentará a estrada, traballos valorados en 1,1 millóns de euros, se o Concello non pon os terreos necesarios para a ampliación e humanización “nun breve prazo de tempo”. O pleno da Deputación rexeitou, cos votos dos grupos do PSdeG-PSOE e BNG, unha moción presentada polo PP para que a Deputación execute en solitario a ampliación e humanización da vía. Agís explica que este tipo de actuacións, de acordo coa norma que rexe as obras nas estradas provincias, requiren da sinatura dun convenio e, por tanto, de colaboración municipal. Advirte que a Deputación leva agardando polos terreos dende 2018 e neste tempo celebrou dúas xuntanzas co alcalde, Andrés Iglesias, e enviou numerosas comunicacións “sen que se teñan producido avances”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará