A crise sanitaria da Covid impide que Redondela, municipio carnavaleiro por excelencia, celebre estas festas como vén sendo tradicional. Con todo, desde o Concello queren aproveitar o Entroido para para promocionar o comercio local no mes de febreiro cun concurso de escaparates. Poderán participar no concurso todos os establecementos comerciais, comerciantes polo miúdo e almacenistas de Redondela e todos aqueles establecementos que teñan unha vitrina, como despachos de oficinas, centros formativos, etc. A concelleira María Castro sinala que o obxectivo é “dinamizar o comercio local e promover as compras no municipio”.
A inscrición no concurso é de balde e o prazo para anotarse xa está aberto. Debe realizarse no correo electrónico concursoescaparatesentroido@redondela.gal ata o 1 de febreiro de 2021. Os establecementos participantes deberán ter preparado o seu escaparate do día 2 de febreiro ata o 21 de de febreiro 2021. Neste tempo a veciñanza poderá votar polo seu favorito, e haberá premios tanto para os mellores escaparates como para o público participante na votación. Os agasallos serán cestas “gourmet” elaboradas tamén por establecementos do municipio.
Establécense tres premios para os establecementos participantes e outros tres para o público.