“Grazas por confiar no comercio local, neste momentos tan complicados”. Unha mensaxe sinxela que se pode ler en numerosos escaparates do centro da vila. Tendas de roupa e zapatería, de agasallos e decoración, tendas de alimentación, ferreterías ou axencias de viaxes amosan este texto na zona máis visible dos seus locais para agradecer o apoio que están a recibir dos seus clientes. Unha idea que naceu no comercio W52 da man da súa propietaria Luisa Hermida á que se sumaron xa máis de 40 establecementos que queren así amosar o seu agradecemento a todos os que mercan no comercio local.
Uns comercios que dende o inicio desta crise sanitaria están a notar o apoio dos veciños e veciñas que elixen facer as súas compras nas tendas da vila “na vez de desprazarse a un centro comercial ou optar por facer un click en calquera plataforma online”.
Co obxecto de agradecer esa apoio “tan necesario nesta situación tan complicada” nace esta iniciativa dos propios comerciantes que decidiron botar man de enxeño e imaxinación para argallar unha campaña chamativa e económica nestes tempos difíciles para animar aos clientes a manter a súa confianza no comercio local, tal e como aseguran están a facer dende que se iniciara esta complicada situación provocada polo coronavirus.
Unhas mensaxes que chegaron xa a máis de 40 establecementos, dende a zona do funil ata a Avenida Mendiño, e que continuará espallándose “irei alí a onde me chamen para escribir esta mensaxe” explica Hermida quen engade que “hai que facer vila, en Redondela temos de todo e bo”.
Unha situación complicada que aínda se viu acrecentada co peche da hostalaría “non hai xente na rúa, non hai movemento, e malia que os propietarios dos bares son os máis afectados tamén lle repercute ao resto do comercio”.