Hoxe é Martes 16 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

A Xunta suspende a entrada de materia prima en Aucosa ata que non elimine os malos cheiros

aucosa

A Dirección Xeral de Calidade Ambiental da Xunta de Galicia solicitou esta mañá a colaboración do Concello para dar cumprimento á prohibición temporal de entrada de materia prima na empresa “ata a instalación dos novos equipos” que eliminen os malos cheiros. Dende o Concello aplauden a decisión “froito da presión veciñal e do traballo do Goberno local” .

A Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, comunicou esta mañá ao Concello, a decisión de suspender temporalmente a entrada de materia prima na planta de Aucosa ata que non estean instalados os novos equipos que eliminen o problema dos malos cheiros que, dende hai máis dun ano, están sendo denunciados tanto por parte da veciñanza coma do Concello.

Os incumprimentos por parte da empresa, quen malia os requerimentos das Adminsitracións segue sen instalar os equipos que eliminen os malos cheiros que emite, fixeron que o 29 de outubro, a Dirección Xeral iniciase un expediente sancionador a Aucosa así como “a imposición da medida provisional consistente na prohibición temporal de admisión dos subprodutos animais e produtos derivados non destinados ao consumo humano”, é dicir prohibíase a admisión de materia prima.

A medida, sinala o escrito da Xunta, adoptábase en base a “existencia dos malos olores, molestos e insalubres” que afectaban á veciñanza de Rande, Trasmañó e Chapela “derivados da falta de instalación dos novos equipos autorizados na resolución do 16 de marzo de 2020”. O pasado día 11 de novembro, o Servizo de Inspección da Dirección Xeral visitaba as instalacións da empresa “constatando o incumprimento da medida provisional”, polo que hoxe mesmo, vía fax, pedían a colaboración do Concello de Redondela “aos efectos de comprobar o cumprimento da referida medida provisional e de informar o comunicar calquera incidencia detectada na mesma”.

O edil de Medio Ambiente, Roberto Villar, amosou a súa satisfacción pola decisión de Calidade Ambiental e salienta “o traballo continuo” que desenvolveu o actual Goberno dende a súa chegada ao Concello “na procura dunha solución a un problema que ameaza a calidade de vida da veciñanza da zona”. A preocupación do Goberno, lembra o concelleiro, queda reflectida nos “numerosos partes realizados pola Policía Local a requirimento da veciñanza” partes que posteriormente eran enviados á dirección xeral de Calidade Ambiental.

No mesmo sentido manifestouse a alcaldesa Digna Rivas quen subliñou o feito de que a suspensión temporal decretada pola Xunta “non fai máis que reafirmar a postura do Goberno local e da veciñanza sobre a necesidade de que, para instalar os novos equipos que eliminen definitivamente o problema dos malos cheiros, é preciso que nese tempo a empresa paralice a recepción de materia prima”.

Doutra banda, informan dende o goberno que AUCOSA solicitou licencia para a construción dunha nave para a transformación de coproduto de atún, obra que ten informes desfavorables tanto técnicos coma xurídicos por incompatibilidade urbanística. Hoxe mesmo, sinala a alcaldesa Digna Rivas, asinouse o oficio para trámite de audiencia de 10 días á empresa, previo á resolución de denegación de licenza.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará