As medidas anunciadas polo presidente da Xunta Alberto Núñez Feijoo, e que entrarán en vigor o sábado ás 0:00 horas, afectan de cheo ao noso concello. Así o confirmaba a alcaldesa Digna Rivas, quen insistía en que se trata “dun confinamento perimetral e non domiciliario” que restrinxe os desprazamentos dos veciños que só se poderán mover libremente entre as localidades de Vigo, Porriño, Nigrán, Gondomar e Mos. A hostalaría é o sector máis afectado polas novas medias xa que tan só poderá despachar comida para levar. As restricións estarán en vigor durante un mes, malia que poderían relaxarse no caso de que a situación epidemiolóxica mellore.
Unhas novas medidas que limitan os nosos movementos, así non poderemos desprazarnos a Soutomaior agás por cuestión laborais, sanitarias ou educativas, pero si poderemos movernos libremente por Porriño, Nigrán, Mos, Gondomar e Vigo. Un peche perimetral que busca restrinxir os movementos dentro da área sanitaria viguesa, onde se continúa detectando un incremento importante de contaxios.
Explica Digna Rivas que a decisión lle foi comunicada polo Conselleiro de Sanidade durante a mañá “e puxémonos a súa disposición, porque o obxectivo é conter a pandemia canto antes”. Neste sentido valoran xa medidas de cara a garantir o cumprimento das novas restricións.
Os máis afectados son os locais de hostalaría que terán que pechar na noite do vindeiro venres, permitíndose exclusivamente o servizo a domicilio e para levar. A practica deportiva tamén se restrinxe a práctica individual.
Non hai novidades en canto ao comercio, que poderá seguir aberto como ata agora, coas limitacións de aforo xa en vigor.
Unhas restricións que afectan tamén ás nosas interaccións sociais, que quedan limitadas aos conviventes.