A Escola Unitaria de educación infantil de Romariz é unha das máis afectadas, xa que con dous positivos confirmados de PCR e atendendo a idade do seu alumnado, procedeu ao peche da aula por precaución. Non hai peches no resto dos centros, malia que en todos eles a Consellería alerta de varios positivos.
O Colexio Padín Truiteiro con 6 confirmados a día 31 (día ao que fai referencia a última actualización da Xunta) sería o máis afectado do concello, malia contabilizarse tamén outros catro casos no Colexio Santiago Apóstol. No Instituto de Soutomaior o número de casos ascenderían a 3, mentres que hai dous positivos na Escola de Educación Infantil de Romariz.
Unha situación que preocupa malia que nas últimas horas as noticias en canto a evolución do Covid neste municipio son optimistas, pasando da alerta vermella na que estivo na última semana, a alerta amarela, que establece a existencia de entre 7 e 14 casos contabilizados por PCR.
Un descenso que non se produce no resto dos concello que estaban en vermello e que se manteñen nesa alerta nivel 3, como é o caso de Redondela, onde non se ten producido ningunha variación nas últimas xornadas.
Tampouco cambian neste mapa epidemiolóxico nin Fornelos de Montes, en alerta laranxa ao contabilizarse entre 14 e 21 positivos nin Pazos de Borbén, unha auténtica illa na bisbarra, logrando manterse en alerta verde.