Hoxe é Martes 5 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O Covid non pode co Festival Internacional de Títeres de Redondela

RR_Noticias

O certame, que este ano chega á súa 21ª edición, celebrarase do 1 ao 6 de setembro con máis de 20 compañías que ofrecerán espectáculos de sala e na rúa. Para garantir a seguridade, en todas as funcións o aforamento será limitado, e coa obriga de retirar previamente as entradas, que estarán á venda desde mañá, día 18, no Multiúsos da Xunqueira.

A crise sanitaria da Covid-19 obrigou a aprazar a cita, prevista para o pasado mes de maio, e os títeres encherán de novo as rúas e prazas de Redondela entre o 1 e o 6 de setembro, con máis de vinte compañías chegadas do eido nacional e internacional. O director do festival, Luis Crespo, explica que nesta edición foi obrigatorio “adaptarse á nova realidade que supón a crise sanitaria” e facer importantes cambios na organización. O máis salietable é que se establece un sistema de venda anticipada de entradas, tanto para as funcións de sala como para as de rúa “para poder farantir o aforo e a distancia de seguridade entre o público”. As entradas estarán á venda no Multiúsos da Xunqueira, desde o 18 ata o 21 de agosto, e do 24 ao 28. No caso das funcións de sala en horario de 10.00 a 13.00 horas, a 5 euros, e para as de rúa de 10.00 a 14.00 horas, cun prezo simbólico de 1 euro. Desde a organización piden “comprensión e colaboración” por parte do público, xa que é “responsabilidade de todos celebrar o festival con total seguridade”. Por iso solicitan que aquelas persoas que non dispoñan de entrada “eviten desprazarse a Redondela”, xa non poderán presenciar os espectáculos “que estarán acotados e con control de acceso”. Na rúa haberá escenarios no palco da Música da Alameda Castelao, na Casa da Torre, na Pista da Xunqueira e no Salgueiral. En cada caso o patio de butacas adaptarase ás entradas vendidas, por grupos familiares, respectando a distancia de seguridade. Malia que nesta “excepcional” edición do festival o aforo será moito menor ao de anos anteiores, Crespo explica que o público poderá gozar dos espectáculos “con máis comodidade e calidade”. Está previsto que, entre sala e rúa, se poñan á venda unhas 2.500 entradas.
Programación
A programación, que polas datas de celebración deste ano non conta coa campaña escolar, arrincará cos espectáculos de sala desde o martes día 1 de setembro coas compañías Eme2, Anxos de Trapo, Cazando Gamusinos Teatro, Cinema Sticado, Valeria Guglietti e a compañía local Tanxarina. Na rúa comezará o xoves, día 3, e prolongarase durante toda a semana con Tropos Teatro, Marionetas Trécola, Títeres Cascanueces, Mutis Teatro, Mircromina e moitas actuacións musicais con Mamá Cabra, Uxía Lambona e a Banda Molona ou Pakolas, entre outros. A alameda acollerá o “Museo Carallás”, unha proposta na que participan diferentes artistas plásticos e tamén a mostra de “Os monicreques de Kukas” fará que o público poida ver nos escaparates de Redondela as súas mellores marionetas, carteis e elementos escenográficos en diferentes comercios da vila. Outras actividades tradicionais como o Mercadiño Titiriteiro ou as representacións de “Monicreques pola Gorra” quedan suspendidas nesta edición para garantira a seguridade sanitaria. Si poderán adquirirse no Multiúsos da Xunqueira as camisetas e chapas tan identificativas do festival, nos mesmos días e horarios de venda anticipada das entradas.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará