Hoxe é Venres 29 de Marzo de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

“Epona Terra” promove a cesión de terreos para o cultivo en Redondela

RR_Noticias

Se es propietario dunha leira ou parcela a que non lle dás uso ou queres cultivar as túas propias hortalizas e non tes terreos, esta organización sen ánimo de lucro dáche a solución. Facilitan a cesión de parcelas durante cinco anos a aquelas persoas que estean dispostas a coidalas e cultivalas. Fan un estudo do terreo, habilítano, realizan o seguimento da cesión e asesoran aos voluntarios. Agora, chegan a Redondela cunha parcela en Santa Mariña e tres voluntarios pero fan un chamamento a sumarse a esta iniciativa que din non só lle supón unha segunda vida a terreos abandonados senón unha alternativa alimentaria e de socialización aos seus participantes.

En poucos meses de traballo, xa superaron os cen voluntarios e teñen parcelas cedidas en Vigo, Ponteareas, Baiona, Mondariz, Salvaterra de Miño e agora, Redondela. Onde, “Epona Terra” pon en marcha esta iniciativa nun pequeno terreo na zona de Santa Mariña que esperan sexa o primeiro de moitos. Polo momento aínda está a habilitar esta parcela para comezar o cultivo e para iso instan a todo aquel que teña un tractor ou maquinaria adecuada a que se poña en contacto coa asociación.
Un colectivo, con sede en Cabral, que facilita aos propietarios alternativas para terreos que non lle dean uso a través dunha cesión durante cinco anos, adaptables ás circunstancias, pola que se comprometen a coidalo e dedicalo á produción de alimentos. Unha cesión que se fai efectiva a través dun contrato no que o propietario conserva todos os dereitos sobre o terreo.
O colectivo encárgase de limpalo e habilitalo para o cultivo que será realizado polo cento de voluntarios que teñen até o momento. Xente que quere cultivar as súas propias hortalizas e que non ten terreos para facelo. Sen ningún tipo de requisito, sen necesidade de coñecementos previos, todo aquel que o desexe pode participar e converterse en cultivador, recibirá o apoio e asesoramento da asociación.
Unha iniciativa que aposta polo desenvolvemento dunha soberanía alimentaria, loita contra os incendios e dálle vida a zonas rurais despoboadas e envellecidas segundo explica Andrés Soto, que aposta por un cambio de modelo produtivo e de consumo con este proxecto que tamén se converte nun xeito de socialización. Unha oportunidade para coñecer a persoas moi diversas que posúen como nexo común o apego á terra e á natureza.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará