Hoxe é Xoves 28 de Marzo de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Redondela carga contra a Mancomunidade de Vigo

RR_Noticias

O que era un punto de trámite, o nomeamento de María Castro na Comisión de Contas da Mancomunidade de Vigo, converteuse nun debate en torno a utilidade deste ente supramunicipal. Agás o PSOE o resto dos grupos criticaron con maior ou menor belixerancia unha mancomunidade que “está ao servizo de Abel Caballero” en palabras do PP, “cuxa utilidade descoñecemos” aseguraban dende AER mentres o edil do BNG se refería a el como “un ente case morto”.

Primeiro pleno presencial logo de varias sesións celebradas virtualmente por mor da crise do Covid que arrancaba con distintas medidas de seguridade. A máis salientable a toma de temperatura do público que accedía ao auditorio do Multiúsos, lugar no que os concelleiros estaban ubicados para garantir a distancia social entre eles.
Un dos temas da sesión, que debía ser de trámite, o nomeamento da Concelleira de Asuntos Económicos María Castro Abad como representantes do Concello de Redondela na Mancomunidade de Vigo foi rexeitado ao votar en contra tanto PP como BNG. Dous partidos que aseguraron non poñer en dúbida a capacidade da Concelleira pero si a utilidade deste ente á hora de traballar en beneficio dos concellos que forman parte da área metropolitana.
A máis belixerante neste sentido foi Carmen Amoedo dende o PP quen falou da mancomunidade como “unha ferramenta máis para tratar que Caballero siga sendo o rei da área metropolitana” e insistiu en que o seu partido “non vai apostar por un organismo que non nos representa a todos”.
O BNG facía referencia ao millón de euros de superávit cos que conta a mancomunidade “uns cartos que deberían redundar en nos concellos que a conforman, sobre todo, nestes tempos de crise sanitaria”.
Os edís de AER si votaron a favor do nomeamento pero tamén puxeron en dúbida a utilidade dun ente “creado non sabemos para que hai 20 anos, ao que cada concellos achega cartos sen que repercutan na cidadanía”.
O socialista Leonardo Cabaleiro defendeu esta entidade “cuxo obxectivo é o desenvolvemento económico de todos os concellos” e apostou polo nomeamento de Castro “que máis pode aportar á hora de pelexar polos intereses de Redondela como responsable de asuntos económicos”.
Unha defensa que non foi suficiente para que a proposta saíra adiante.
 

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará