Malia que desde este luns xa podían abrir as súas portas, as dificultades para atopar o material de protección para pacientes e profesionais ademais dos cambios que teñen que facer nos seus locais para cumprir as normas sanitarias, obrigaron a moitos a pospoñer a volta á actividade até a próxima semana. Este é o caso de Sonia Domínguez, responsable dun centro de fisioterapia na rúa Das Cardosas, que traballa a contrarreloxo para retomar a actividade logo de preto de dous meses sen poder atender aos seus pacientes.
Un regreso que está a supoñer un dobre esforzo. Por unha banda conseguir o material de protección requirido para profesionais e clientes. Unha tarefa difícil dada alta demanda de batas, luvas, máscaras e xeles hidroalcohólicos e por outra, a necesidade de adecuar o seu establecemento aos requisitos sanitarios esixidos polo Ministerio de Sanidade. Entre eles, a eliminación das salas de espera, a supresión de todos os elementos de tea, así como prensa ou revistas ademais de minimizar os elementos que poidan ser tocados polos pacientes. Unha nova realidade que tamén afectará ao desenvolvemento do seu traballo, nun sector onde o contacto “pel con pel” é continuado o que obrigará, segundo recoñece Sonia Domínguez, a incrementar a precaución e pospoñer algunhas terapias como as intrabucais, xa que nestes casos o risco de contaxio é maior. Outra das medidas será distanciar as citas para hixienizar as salas entre pacientes e restrinxir ás consulta de persoas en risco a só casos de urxencia nesta primeira fase da desescalada. Domínguez recoñece que este está a ser un camiño cheo de incertezas e onde a responsabilidades está a recaer directamente nos profesionais ante a falta de directrices claras sobre o sector por parte do goberno. Explica que foi unha decisión persoal o cese da súa actividade que fixo efectiva o 13 de marzo ante a imposibilidade de garantir a saúde dos usuarios, malia que estes centros estaban incluídos como servizos prioritarios o que tamén impediu que nun primeiro momento puidesen acceder ás axudas económicas. Unha falta de información que está a producirse nesta volta ao traballo e lamenta que malia coñecerse que a actividade dos fisioterapeutas ía retomarse esta semana non fose até o domingo cando se publicaron as directrices concretas a seguir o que impediu que boa parte dos centros puidesen retomar a actividade o luns e o teñan que facer a finais desta semana ou a próxima.