Hoxe é Mércores 24 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Jorge Iglesias: “Quen vexa xogar este ano ao Atl.Vilar vaise sorprender”

RR_Noticias

O novo técnico do Atl.Vilar, Iglesias Anido, ten a difícil tarea de substituír no banco a Mon Sanromán, adestrador co que o equipo acadou os maiores éxitos da súa historia. Asume o reto con responsabilidade e gañas de traballar, co obxcectivo de asegurar a permanencia na Segunda Galega “canto antes”.

Jorge Iglesias conta con amplia experiencia como adestrador, os sete últimos anos dirixendo a base do Vila do Corpus, onde conseguiu o ascenso a liga Galega cos xuvenís. Tamén formou parte do corpo técnico do Erizana ,como segundo adestrador, onde conseguiu o ascenso de Primeira Rexional a Preferente. Agora amósase “ilusionado” coa nova etapa que lle abre, xa que por primeira vez será o primeiro técnico dun equipo sénior. Ten por diante o reto de substituir a Sanromán, que nos últimos anos acadou os maiores éxitos da historia do club. Iglesias Anido conta “coa súa axuda e consello”. O bloque de xogadores da pasada temporada mantense, de feito o obxectivo do míster era darlle continuidade “a todos”, pero algúns decidiron deixar o equipo “sobre todo os máis veteranos polos compromisos laborais e familiares”. O equipo reforzouse con varios xogadores da bisbarra, co que Iglesias confeccionou o equipo co que pelexará nesta Segunda Galega que vén de comezar. O seu obxectivo é o mesmo que o da temporada pasada “salvar a categoría canto antes”. Iglesias Anido advirte que será “complicado” porque este ano o grupo é “máis forte”, con varios equipos recén descendidos “e de alto nivel competitivo”. Para acadar esta meta van desenvolver un xogo “que vai sorprender a aqueles que vexan xogar ao Vilar”, advirte o técnico. Afirma que malia xogar nun campo de terra, o de San Martiño, a superficie “non vai condicionar o seu estilo” xa que conta con xogadores “de moita calidade”. O pasado domingo estreáronse con vitoria na casa ao gañar dun gol ao Louro Tameiga. Na próxima xornada visitan o campo do Ribeira, que tamén comezou con vitoria en Gondomar. Un equipo que, segundo Iglesias, será un dos seus rivais directos pola permanencia. Un partido “que non poden deixar escapar” porque despois enfrontaranse a un calendario “moito máis esixente”.

Jorge Iglesias adestrador do Atl.Vilar
Afirma que malia xogar nun campo de terra a superficie "non vai condicionar o seu estilo".
Un reto que afronta con ilusión
Agora amósase "ilusionado" coa nova etapa que lle abre xa que por primeira vez será o primeiro técnico dun equipo sénior.
Obxectivo da permanencia
Iglesias Anido advirte que será "complicado" porque este ano o grupo é "máis forte".
Ribeira-Atl.Vilar
Será un dos seus rivais directos pola permanencia.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará