Hoxe é Sábado 20 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O relevo das Penlas e as alfombras florais inauguran as Festas da Coca

RR_Noticias

Por diante tres días para disfrutar da Danza das Espadas e as Penlas, as alfombras florais e a música, protagonistas das festas máis emblemática de Redondela que comezaban este mércores coa lectura do pregón, na voz da escritora Dossy Diomaher, quen destacou a tradición destas festas, así como o “corazón trouleiro dos redondeláns”. Un acto no que se recoñeceu o traballo das alfombristas cunha homenaxe a Susana Ricón Soliño, Mercedes Mouriño e María Isabel Díaz.

Coa elaboración das alfombras florais arrancaban as Festas da Coca na tarde do mércores coas rúas ateigadas de xente e os voluntarios comezando un traballo que se prolongará durante toda a noite. O seu traballo foi recoñecido no acto institucional de inauguración destas celebracións, no que a alcaldesa, Digna Rivas, agradecía “as mans femininas” responsables de engalanar as rúas da vila, “verdadeiras obras de arte” que atraen a centos de persoas a Redondela e manteñen unha tradición “enraizada, que une xeración tras xeración, a familias enteiras e que permitiu que a Danza das Espadas e as Penlas e a lenda da Coca chegase até os nosos días”. Na antigüidade desta tradición e as súas peculiaridades facía fincapé a escritora Dossy Diomaher, pregoeira das festas deste ano. Tivo palabras de lembranza para a riqueza natural e paisaxística de Redondela, tamén para o seu produto gastronómico máis salientable, o choco, ademais das súas parroquias, “cheas de historia e celebracións” e do corazón festeiro dos seus veciños. A escritora animaba aos asistentes a gozar destas festas, que se prolongarán até o domingo con verbena todas as noites, concertos ademais das celebracións relixiosas. O día grande será este xoves onde se poderán ver as rúas do casco urbano e vello de Redondela engalanadas coas alfombras florais polas que discorrerá a procesión acompañada pola Banda de Música Municipal de Redondela e que culminará co baile homenaxe da Danza das Espadas e as Penlas na praza da Constitución ás 13:00 horas.

Alcaldesa Digna Rivas
Rivas destacaba a importancia destas festas para os redondeláns
Pregoeira Dossy Diomaher
A escritora destacaba a tradición da Festa da Coca
Homenaxe alfombristas
Recoñecemento a todas esas "mans femininas" que engalanan as rúas de Redondela nestas datas

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará