Hoxe é Luns 9 de Decembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Máis de 12.100 persoas visitaron o Meirande

RR_Noticias

O centro de interpretación da Ballata de Rande, o Meirande, está a consolidarse como un lugar de parada obrigada nas Rías Baixas. Desde que comezou o ano, 12.118 persoas pasaron xa polas súas instalacións. As visitas teatralizadas, que regularmente organiza o Concello, son un dos seus atractivos. A historia da batalla naval, o fermoso paraxe no que se atopa e o feito de que a entrada sexa de balde, fan da visita ao Meirande un éxito asegurado.

Situado en Rande, na antiga Fábrica do Alemán, o museo Meirande é un dos atractivos turísticos do municipio de Redondela. Pero non só iso, o Centro de Interpretación do Patrimonio Cultural de Rande ten tamén como obxectivo “sensibilizar e concienciar á cidadanía da enorme riqueza non só histórica, senón tamén social, cultural e paixasística da zona”. Os que se achegan ao Meirande poden facer unha viaxe ao pasado, ao ano 1.702, cando a enseada de San Simón foi o escenario dunha das batallas navais máis famosas da historia. E son moitos os que o fan, e valoran moi positivamente a visita. A concelleira de Cultura, Teresa París, amósase “moi satisfeita” co balance deste ano. Desde xaneiro o centro recibiu 12.118 visitas. En grupos organizados, ou ben acompañados da familia, os números de visitantes ao museo non deixan de medrar. Son moitos tamén os colexios que organizan visitas ao Meirande, con grupos escolares tanto de primaria como de secundaria. As visitas teatralizadas, como as que se realizan coa colaboración da Sala Viguesa de Esgrima Antiga, son moi ben acollidas polo público familiar. É o caso de Natalia e Javi, que se desprazaron a Rande cos seus fillos de curta idade desde Figueirido e amosáronse “moi contentos coa experiencia”. Ademais de coñecer a historia da Batalla de Rande, puideron sorprenderse coa exhibición de esgrima, que lles resultou “moi amena”. Estas visitas teatralizadas que organiza o Concello son un éxito entre o público “xa que permiten un percorrido máis lúdico para nenos e adultos”, como explica Nuria Otero, unha das guías do museo. Os máis pequenos non só aprenden cousas da historia da nosa ría, senón que tamén pode ver como eran nesa época os barcos por dentro. Os que visitan o museo por primeira vez, sorpréndense, e os que repiten aproveitan para levar ao Meirande aos seus coñecidos e familiares. É o caso de José, que non dubida en desprazarse ata este centro cos seus amigos estranxeiros. Este veciño de Cangas mesmo reivindica “máis promoción” para o Meirande, xa que se trata dun lugar “moi interesante e pouco coñecido”, e lamenta “que non se explote máis para o turismo”. O mes de máis afluencia ao Meirande foi xuño, con case 3.000 visitas, seguido de xullo, con 2.365. No meses de maio e agosto, tamén houbo unha elevada afluencia, con 1.469 e 1.344 persoas, respectivamente. Unhas cifras que mesmo se superaron no pasado mes de setembro, con máis de 1.500 entradas. Illa de San Simón A posibilidade de viaxar a San Simón desde o embarcadoiro do Meirande é outro dos puntos fortes do museo, xa que permite completar a visita ao museo cun percorrido pola enseada e a illa. De feito, a relación entre San Simón e o Meirande é moi estreita, malia que as viaxes aen barco as xestionen navieiras privadas, e o museo sexa municipal. Se a todos estes atractivos lle sumamos que a visita ao Meirande e todas as actividades que alí se realizan son de balde, o éxito está asegurado. O horario de visita é de martes a venres de 11.00 a 14.00 horas, e pola tarde de 17.00 a 20.00. Os sábados e domingos de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 20 horas. Os luns permanece pechado.

Teresa París edil de Cultura
París fai un balance moi positivo das visitas que recibe o Meirande.
Natalia e Javier de Figueirido
Visitaron o Meirande en familia e quedaron moi contentos coa experiencia.
A experiencia dos nenos
Nuria ten 11 anos e sorprendeuse moito coa visita e a historia da batalla.
José Cangas
Este veciño do Morrazo reivindica "máis promoción" para o Meirande xa que se trata dun lugar "moi interesante e pouco coñecido".
Nuria Otero guía no Meirande
As visitas teatralizadas que organiza o Concello son un éxito entre o público xa que permiten un percorrido máis lúdico para nenos e adultos.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará