A modificación do contrato do lixo asinado con Urbaser supón un incremento de 36.000 euros anuais atendendo ao novo servizo que achega a empresa pola retirada diurna dos colectores das rúas Alfonso XII, Ribeira e Xeral Rubín. Unha medida que o BNG non considera indispensable polo que non apoian o sobrecuste que supón este servizo. Ademais entenden que todo o proceso estivo marcado polas irregularidades polo que non apoiaran a proposta que hoxe vai a pleno.
Dende o mes de marzo, por acordo do alcalde Javier Bas e a empresa concesionaria, recolléronse e repuxéronse diariamente os contedores das rúas Alfonso XII, Ribeira e Xeneral Rubín. Durante mes e medio, a empresa prestou o servizo sen cargarlle facturación ao Concello. Sen embargo, no mes de setembro, segundo afirman dende o Bloque “publicítase a contratación do servizo por un total de 15.175,77€, para pagar as facturas dende maio, unha vez que se remataba o denominado período de probas”. O edil nacionalista Xoán Carlos González considera irregular a adxudicación “posto que non se lle deu a debida publicidade, ademais de non solicitar varios orzamentos, co fin de garantir un aforro ao Concello”.
No Pleno de setembro que se celebra esta tarde, segundo proposta da alcaldía preténdese a modificación do contrato de recollida do lixo para facer o mesmo servizo a razón de 36.000€ anuais. “Unha proposta que carece de lóxica e sentido, posto que terá que ser toda a veciñanza quen teña que asumir este sobrecusto”, valora Xoán Carlos González.
“Consideramos que o proceso desta proposta está viciado con numerosas irregularidades, polo que remitiremos aos servizos xurídicos do BNG dito contrato. Non vai contar o goberno de Redondela co noso apoio, posto que non se vela polos intereses da veciñanza”, anuncia o voceiro nacionalista.
A inicitiva de Medio Ambiente buscaba mellorar a estética das rúas do centro con retirada dos colectores de lixo durante o día para volver a colocalos entre as 20:00 e as 24:00 horas para que veciños e comerciantes puideran deixar o lixo.