Hoxe é Venres 29 de Marzo de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Os redondeláns achegan suxerencias para gastar o 1,6 millóns de remanente do Concello

RR_Noticias

A mellora integral do paseo da Punta, en Cesantes, a eliminación das barreiras arquitectónicas e un transporte público máis eficaz nas parroquias. Son algunhas das suxerencias dos veciños para que o Concello invista o 1,6 millóns de euros de remanente neste 2018. Dotar de herba artificial o campo de fútbol do Viso ou restaurar as antigas casas dos mestres para fins sociais son outras das propostas.

Actualmente o Concello de Redondela conta cun remanente de 1,6 millóns de euros, cartos que poderá investir en diferentes obras ou actuacións necesarias para o municipio. Desde a Agruapción de Electores de Redondela propuxeron diferentes actuacións, como a recuperación da zona das Telleiras, a creación dunha senda no río Pugariño, a mellora do paseo da praia de Cesantes, a eliminación de barreiras arquitectónicas e un plan de mobilidade para as parroquias, entre outras. Desde o PP avogan por outros investimentos, como instalación dunha casa da cultura para Quintela, a adaptación do colexio de Trasmañó para uso veciñal, un parque infantil con pista de patinaxe en Ventosela e a humanización da Pantalla en Cesantes, entre outras cuestións. No que coinciden os dous partidos políticos é na reforma do campo de fútbol do Viso, actualmente de terra, e que se dotaría de herba artificial. E que opinan os veciños de Redondela? Pois hai propostas de todo tipo, e non coinciden necesariamente coas que anunciaron os partidos políticos. Algúns, como Óscar, entenden que é “moi difícil contentar a todos”, e sinala que o máis xusto sería repartir eses cartos en obras de mellora “tanto no centro da vila como nas parroquias”. Precisamente para mellorar a vida dos veciños das parroquias, hai quen apoia a proposta de AER dun plan de mobilidade interparroquial, que mellore o transporte público entre o centro de Redondela e as diferentes parroquias do municipio “con horarios máis flexibles”. A reforma do entorno da praia da Punta en Cesantes, cunha mellora do paseo e os accesos, é outra das necesidades que valoran os veciños “tanto para disfrute dos residentes no municipio como dos turistas”. Mari entende que sería necesario mellorar a limpeza nalgunhas zonas e acondicionar o entorno. Tamén Erika considera necesaria a mellora integral na zona da praia, ademais da eliminación das barreiras arquitectónicas “para permitir a mobilidade das persoas en cadeiras de rodas”. Os veciños tamén comparten a necesidade dunha reforma integral no campo de fútbol do Viso, cuxos terreos vén de ceder ao Concello a Comunidade de Montes. Mari e Sabino entenden que sería necesario dotalo de herba artificial e facer unhas instalacións municipais “en boas condicións” para fomentar o deporte, sobre todo nas categorías base. Outra proposta veciñal é o acondicionamento das antigas casas dos mestres, en Santa Mariña, para crear vivendas sociais que poderían ser utilizadas por familias con necesidades ou en casos de emerxencia social.

Reparto casco urbano parroquias
Repartir estes cartos en obras de mellora tanto no centro da vila como nas parroquias
Melloras transporte
Mellorar conexión coas parroquia e horarios máis flexibles
Eliminación barreiras arquitectónicas
Mellorar a mobilidade das persoas en cadeiras de rodas
Campo de fútbol do Viso
Reforma integral das intalacións para fomentar o deporte na categoría base

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará