Hoxe é Sábado 20 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Pazos contrata con axudas para persoas sen experiencia a alguén que xa traballara no Concello

RR_Noticias

A Agrupación de Electores Alternativa Veciñal denuncia os trámites seguidos polo concello de Pazos de Borbén para contratar o pasado mes de decembro unha auxiliar administrativa con cargo a unha subvención da Xunta. As bases destas axudas (APROL Rural 2017) especificaban que estaban destinadas a contratar persoas con especiais dificultades de inserción laboral. Sen embargo, foi seleccionada unha persoa que xa traballou en diversas ocasións no concello e, ademais, a única candidata que non era parada de longa duración.

Critican que xa no proceso de selección se tiveran cometido irregularidades ao anunciar a oferta dun posto de auxiliar administrativo o 27 de novembro e o 29 xa está pechada a lista de candidatas.
Por outro lado, as bases da subvención da Xunta establecían que o obxectivo era proporcionarlles, a persoas con especiais dificultades para atopar emprego, a experiencia e práctica profesional necesarias para facilitar a inserción laboral. Así, podían esixirse para o posto a titulación e formación necesarias para desempeñar o traballo, pero nunca experiencia laboral. E tamén se debían ter en conta outros criterios como cargas familiares, persoas paradas de longa duración, que esgotasen as axudas e subsidios…
Sen embargo, o concello de Pazos de Borbén incluíu no proceso de selección unha proba práctica, que ao xeito de ver de AV supón un xeito indirecto de valorar a experiencia. Dáse a circunstancia de que, antes da proba práctica, a persoa finalmente seleccionada era a terceira nunha lista de catro candidatas. E grazas aos puntos da proba pasa a ser a primeira e, polo tanto, a que acade o posto de emprego finalmente.
É dicir, nun proceso no que non se podía valorar a experiencia laboral, hai unha persoa que consegue o posto de traballo grazas, precisamente, á súa experiencia laboral. En AV lamentamos que se desvirtúen dese xeito unhas axudas destinadas a axudar ás persoas con máis dificultades, e por iso xa demandamos explicacións ao goberno local para que aclare estas circunstancias.
 

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará