A Festa do Choco de Redondela celebrará a súa 39ª edición do 8 ao 10 de maio. O programa combina tradición mariñeira, gastronomía e actividades culturais, consolidándose un ano máis como un dos principais atractivos turísticos da comarca e de Galicia. Na presentación do evento, declarado de Interese Turístico de Galicia, participaron a alcaldesa, Digna Rivas, e a concelleira de Cultura e Turismo, Rita Pérez. Tamén asistiron representantes da hostalaría e dos fundadores da festa, Manolo Conde e José Manuel Durán, así como membros da confraría, entre eles a patroa maior, Nisi Otero, e Fran Pereira.
A rexedora destacou que o obxectivo é seguir posicionando a festa como un referente gastronómico e turístico, cunha previsión de alta afluencia de público. Tras o éxito da pasada edición, na que se superaron as 12.000 racións servidas, o Concello aspira a incrementar esa cifra, apoiándose tamén nun cartel que inclúe como pregoeiro ao expresidente cántabro Miguel Ángel Revilla, unha elección que, segundo sinalou, contribuirá a atraer visitantes de fóra de Galicia. A alcaldesa fixo fincapé ademais na importancia de reservar con antelación nos establecementos hostaleiros ante a elevada demanda prevista.
No eido gastronómico, a carpa instalada no Campo da Feira volverá ser o epicentro da degustación. Abrirá as súas portas o venres 8 de maio ás 19:30 horas con nove postos que prepararán arredor de 1.000 quilos de choco en distintas elaboracións. Restaurantes como O Tranquilo, Quinta das Eiras, Lugar da Serra e Casa Chano ofrecerán receitas tradicionais —choco na súa tinta, con arroz, á feira ou á prancha— xunto a propostas innovadoras. Desde Casa Chano apostan este ano por elaboracións como espaguetes negros á carbonara con choco da ría ou croquetas acompañadas de alioli, sen esquecer clásicos que xa tiveron grande acollida en edicións anteriores.
Tamén as panadarías locais incorporan novidades á oferta. Estarán presentes a panadería Vila dos Viadutos, o Cruceiro xunto con Paladar Queso e os embutidos de Distribuciones Rodriguez Ameodo. A experiencia do pasado ano, cunha alta demanda de produtos como as empanadas de millo, anima a introducir novas creacións, entre elas hamburguesas ou pizzas de choco, adaptándose a diferentes gustos e ampliando a variedade dispoñible para o público.
Desde O Cruceiro confirman que a empanada de millo foi o produto estrela, mentres que Vila dos Viadutos dá un paso máis alá con propostas máis atrevidas, como as arepas de choco, unha s fusión que combina as raíces venezolanas da hostaleira Luisa coa nosa tradición gastronómica.
A presenza de produtores locais completa a proposta, con viños da adega Quinta das Eiras (Soutomaior). O seu representante, Javier Táboas, avanzou a chegada de novas referencias procedentes da recuperación de viñedos históricos na zona de Vilavella, destacando a aposta pola identidade vitivinícola da contorna. O viño que poderemos probar como novidade chámase “Pazo Santiago de Vilavella”, unha primeira colleita que casa moi ben co noso choco da ría.
Precisamente, desde a confraría de pescadores subliñan que a materia prima chega nun momento especialmente favorable. A patroa maior, Nisi Otero, explicou que a campaña está a ser das mellores dos últimos anos, cunhas capturas diarias que oscilan entre os 400 e os 600 quilos. A pesar dun inicio complicado polos temporais de febreiro, a situación mellorou a partir de marzo, permitindo unha boa evolución da pesca. O choco presenta ademais un tamaño axeitado, predominando exemplares medianos de boa calidade, mentres que as pezas máis pequenas son aínda escasas e poderían aparecer cara ao final da campaña, prevista ata finais de xuño.
No ámbito ambiental, tamén se destacou o papel de iniciativas como o “bosque mariño”, que contribúe a crear hábitats favorables para a reprodución da especie. Aínda que este ano a súa instalación se atrasou polas condicións meteorolóxicas, desde o sector consideran que segue a ser unha ferramenta eficaz para mellorar a produtividade e a sustentabilidade do recurso.
A programación cultural será outro dos piares da festa. Durante as tres xornadas sucederanse concertos, actuacións de grupos tradicionais e sesións de DJs, cun cartel que combina grandes formacións e talento local. O venres actuarán a Orquestra de Saxos, o Grupo América de Vigo e DJ JJ Compota. O sábado será a quenda do grupo de gaitas Airiños de San Simón, Tanto Nos Ten e a verbena coa orquestra Combo Dominicano, ademais de DJ Airan. O domingo haberá pasarrúas coa Banda de Música de Chapela, actuacións das pandeireteiras Froles Mareliñas, O Carballo das Cen Pólas e a Rondalla de Redondela, rematando coa actuación de Pa Ti Na Má.
Ademais, volverán organizarse roteiros en barco pola enseada de San Simón, con saídas desde Cesantes e o Museo Meirande, así como rutas de marisqueo a pé polo porto nas tardes do venres e sábado. As entradas poden adquirirse na oficina de turismo e no propio museo, cun prezo de 6 euros, e tamén a través da web da navieira.
Unha das grandes novidades será a presenza de Miguel Ángel Revilla, que ofrecerá unha charla o sábado 9 ás 19:00 horas no auditorio do Multiúsos da Xunqueira, con entrada gratuíta dispoñible desde as 16:00 horas, e protagonizará o pregón oficial o domingo 10 ás 12:30 horas na carpa do Campo da Feira.





Desde a perspectiva histórica, un dos fundadores da festa, Manolo Conde, amosou a súa satisfacción pola evolución do evento e pola actual calidade do produto, augurando unha edición multitudinaria. Segundo indicou, a boa campaña de capturas e o atractivo do programa fan prever unha grande afluencia de visitantes.
PROGRAMACIÓN COMPLETA PARA AS XXXIX FESTA DO CHOCO
VENRES 8 DE MAIO
INAUGURACIÓN
Inauguración e apertura da carpa de degustación en horario continuo ata o peche.
Campo da feira ás 19:30 h.
ORQUESTRA DE SAXOS
Concerto na carpa do campo da feira ás 20:00 h.
GRUPO AMÉRICA DE VIGO
Concerto no campo da feira ás 22:30 h.
DJ JJ COMPOTA
Actuación no campo da feira ás 01:30 h.
SÁBADO 9 DE MAIO
CARPA DEGUSTACIÓN
Apertura da carpa degustación en horario continuo ata o peche.
Campo da feira ás 10:30 h.
AIRIÑOS DE SAN SIMÓN
Actuación do grupo de gaitas e baile galego na carpa do campo da feira ás 12:30 h.
MIGUEL ÁNGEL REVILLA
Charla no auditorio do multiúsos da Xunqueira ás 19:00 h.
TANTO NOS TEN
Concerto na carpa do campo da feira ás 20:45 h.
ORQUESTRA COMBO DOMINICANO
Concerto no campo da feira ás 23:00 h.
DJ AIRAN
Actuación no campo da feira ás 02:00 h.
DOMINGO 10 DE MAIO
CARPA DEGUSTACIÓN
Apertura da carpa degustación en horario continuo ata o peche.
Campo da feira ás 10:30 h.
BANDA DE MÚSICA DE CHAPELA
Pasarrúas ás 11:30 h.
FROLES MARELIÑAS
Actuación do grupo de pandeireteiras na carpa do campo da feira ás 11:45 h.
PREGÓN
Pregón a cargo de Miguel Ángel Revilla, na carpa do campo da feira ás 12:30 h.
O CARBALLO DAS CEN PÓLAS
Actuación do grupo de gaitas e baile galego na carpa do campo da feira ás 13:15 h.
RONDALLA DE REDONDELA
Concerto na carpa do campo da feira ás 17:30 h.
PA TI NA MÁ
Concerto na carpa do campo da feira ás 19:45 h.









