Hoxe é Venres 24 de Abril de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

A boa campaña de capturas avala a XXXIX Festa do Choco

20260424_111610 (1)

A Festa do Choco de Redondela celebrará a súa 39ª edición do 8 ao 10 de maio. O programa combina tradición mariñeira, gastronomía e actividades culturais, consolidándose un ano máis como un dos principais atractivos turísticos da comarca e de Galicia. Na presentación do evento, declarado de Interese Turístico de Galicia, participaron a alcaldesa, Digna Rivas, e a concelleira de Cultura e Turismo, Rita Pérez. Tamén asistiron representantes da hostalaría e dos fundadores da festa, Manolo Conde e José Manuel Durán, así como membros da confraría, entre eles a patroa maior, Nisi Otero, e Fran Pereira.

A rexedora destacou que o obxectivo é seguir posicionando a festa como un referente gastronómico e turístico, cunha previsión de alta afluencia de público. Tras o éxito da pasada edición, na que se superaron as 12.000 racións servidas, o Concello aspira a incrementar esa cifra, apoiándose tamén nun cartel que inclúe como pregoeiro ao expresidente cántabro Miguel Ángel Revilla, unha elección que, segundo sinalou, contribuirá a atraer visitantes de fóra de Galicia. A alcaldesa fixo fincapé ademais na importancia de reservar con antelación nos establecementos hostaleiros ante a elevada demanda prevista.

No eido gastronómico, a carpa instalada no Campo da Feira volverá ser o epicentro da degustación. Restaurantes como O Tranquilo, Quinta das Eiras, Lugar da Serra e Casa Chano ofrecerán receitas tradicionais —choco na súa tinta, con arroz ou á prancha— xunto a propostas innovadoras. Desde Casa Chano apostan este ano por elaboracións como espaguetes negros á carbonara con choco da ría ou croquetas acompañadas de alioli, sen esquecer clásicos que xa tiveron grande acollida en edicións anteriores.

Tamén as panadarías locais incorporan novidades á oferta. Estarán presentes a panadería Vila dos Viadutos, o Cruceiro xunto con Paladar Queso e os embutidos de Distribuciones Rodriguez Ameodo. A experiencia do pasado ano, cunha alta demanda de produtos como as empanadas de millo, anima a introducir novas creacións, entre elas hamburguesas ou pizzas de choco, adaptándose a diferentes gustos e ampliando a variedade dispoñible para o público.

Desde O Cruceiro confirman que a empanada de millo foi o produto estrela, mentres que Vila dos Viadutos dá un paso máis alá con propostas máis atrevidas, como as arepas de choco, unha s fusión que combina as raíces venezolanas da hostaleira Luisa coa nosa tradición gastronómica.

A presenza de produtores locais completa a proposta, con viños da adega Quinta das Eiras (Soutomaior). O seu representante, Javier Táboas, avanzou a chegada de novas referencias procedentes da recuperación de viñedos históricos na zona de Vilavella, destacando a aposta pola identidade vitivinícola da contorna. O viño que poderemos probar como novidade chámase “Pazo Santiago de Vilavella”, unha primeira colleita que casa moi ben co noso choco da ría.

Precisamente, desde a confraría de pescadores subliñan que a materia prima chega nun momento especialmente favorable. A patroa maior, Nisi Otero, explicou que a campaña está a ser das mellores dos últimos anos, cunhas capturas diarias que oscilan entre os 400 e os 600 quilos. A pesar dun inicio complicado polos temporais de febreiro, a situación mellorou a partir de marzo, permitindo unha boa evolución da pesca. O choco presenta ademais un tamaño axeitado, predominando exemplares medianos de boa calidade, mentres que as pezas máis pequenas son aínda escasas e poderían aparecer cara ao final da campaña, prevista ata finais de xuño.

No ámbito ambiental, tamén se destacou o papel de iniciativas como o “bosque mariño”, que contribúe a crear hábitats favorables para a reprodución da especie. Aínda que este ano a súa instalación se atrasou polas condicións meteorolóxicas, desde o sector consideran que segue a ser unha ferramenta eficaz para mellorar a produtividade e a sustentabilidade do recurso.

A programación cultural será outro dos piares da festa. Durante as tres xornadas sucederanse concertos, actuacións de grupos tradicionais e sesións de DJs, cun cartel que inclúe formacións como o Grupo América de Vigo ou a orquestra Combo Dominicano, xunto a agrupacións locais que reforzan a identidade cultural do evento.

Ademais, volverán organizarse roteiros en barco pola enseada de San Simón, unha iniciativa que permite coñecer de primeira man o espazo onde se captura o choco desde hai séculos, así como visitas guiadas á illa. Venta de entradas no museo Meirande (986 458 891) e na oficina de turismo de Redondela (986 401 713). En caso de esgotarse as prazas a navieira ofertará novas visitas a través da súa páxina web.

Desde a perspectiva histórica, un dos fundadores da festa, Manolo Conde, amosou a súa satisfacción pola evolución do evento e pola actual calidade do produto, augurando unha edición multitudinaria. Segundo indicou, a boa campaña de capturas e o atractivo do programa fan prever unha grande afluencia de visitantes.

PROGRAMACIÓN COMPLETA PARA AS XXXIX FESTA DO CHOCO

VENRES 8 DE MAIO

INAUGURACIÓN
 Inauguración e apertura da carpa de degustación en horario continuo ata o peche.
 Campo da feira ás 19:30 h.

ORQUESTRA DE SAXOS
 Concerto na carpa do campo da feira ás 20:00 h.

GRUPO AMÉRICA DE VIGO
 Concerto no campo da feira ás 22:30 h.

DJ JJ COMPOTA
 Actuación no campo da feira ás 01:30 h.

SÁBADO 9 DE MAIO

CARPA DEGUSTACIÓN
 Apertura da carpa degustación en horario continuo ata o peche.
 Campo da feira ás 10:30 h.

AIRIÑOS DE SAN SIMÓN
 Actuación do grupo de gaitas e baile galego na carpa do campo da feira ás 12:30 h.

MIGUEL ÁNGEL REVILLA
 Charla no auditorio do multiúsos da Xunqueira ás 19:00 h.

TANTO NOS TEN
 Concerto na carpa do campo da feira ás 20:45 h.

ORQUESTRA COMBO DOMINICANO
 Concerto no campo da feira ás 23:00 h.

DJ AIRAN
 Actuación no campo da feira ás 02:00 h.

DOMINGO 10 DE MAIO

CARPA DEGUSTACIÓN
 Apertura da carpa degustación en horario continuo ata o peche.
 Campo da feira ás 10:30 h.

BANDA DE MÚSICA DE CHAPELA
 Pasarrúas ás 11:30 h.

FROLES MARELIÑAS
 Actuación do grupo de pandeireteiras na carpa do campo da feira ás 11:45 h.

PREGÓN
 Pregón a cargo de Miguel Ángel Revilla, na carpa do campo da feira ás 12:30 h.

O CARBALLO DAS CEN PÓLAS
 Actuación do grupo de gaitas e baile galego na carpa do campo da feira ás 13:15 h.

RONDALLA DE REDONDELA
 Concerto na carpa do campo da feira ás 17:30 h.

PA TI NA MÁ
 Concerto na carpa do campo da feira ás 19:45 h.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará