Foto de Pachu na Selección Española// Foto da Ferderación Española
Pablo García Lago, coñecido como Pachu, xa é un dos nomes propios da selección española absoluta. O redondelán e ala de 24 anos do Osasuna Magna Navarra debutou co combinado nacional nunha xira de dous partidos amigables contra Finlandia, onde non só se estreou, senón que deixou a súa pegada marcando dous goles: un no empate a 2 do primeiro encontro e outro no contundente 2-9 do segundo. Unha fin de semana que o redondelán describe con “un sorriso de lado a lado” ao regresar a Pamplona.
Pachu non ocultou a súa felicidade. “É un soño que tiña dende que era pequeno e ao final cumprilo, xogar coa selección absoluta, a verdade é que non se pode explicar con palabras porque son un cúmulo de emocións. Son moitas sensacións novas coas que te atopas nun partido”, confesou. “Estou moi contento por estar aí, pola miña primeira convocatoria, por aportar con dous goles, axudar ao equipo, sentirme cómodo e disfrutar”.
O xogador, formado nos clubs da vila – CD Choco, Casa Paco e Campito Chapela FS–, quixo enviar un mensaxe claro a todos os nenos e nenas que xogan ao fútbol sala en Redondela e en Galicia: “É difícil chegar, pero é posible. Calquera neno ten que ter a ilusión de chegar ao máis alto nivel. Aínda que somos unha vila pequena, os nosos clubs están destacando tamén. Con traballo, con ilusión e con ganas de chegar ao máis alto nivel, os soños cúmprense”.
Pachu recoñeceu que o camiño ata aquí non foi doado. “Moitas veces tes que sacrificar moitas cousas. Tes que saír da casa, buscar a vida noutra cidade ou enfrontarte a situacións complicadas. Moitas veces hai factores externos que non dependen de ti. Pero a parte individual é moi importante: sempre estar ao 100%, poñer todo da túa parte. Moitas veces equivócaste no camiño, pero cos erros apréndese e para arriba”, explicou. Agradeceu especialmente á súa familia, amigos, compañeiros e adestradores: “Teño a sorte de estar aquí grazas a toda a xente que me acompañou na miña vida. Aprendín moito de todos eles”.
Actualmente, o Osasuna Magna loita por non descender na Liga. “Este ano estamos un pouco complicados na clasificación, estamos pelexando por non perder a categoría. Pero o deporte é así e estou persoalmente moi contento de estar aquí e de compartir este vestiario cos meus compañeiros. Queda esta recta final de tempada e afrontámola con todas as ganas e ambición do mundo”, afirmou con optimismo.
Sobre os amigables en Finlandia, Pachu aclarou que, aínda que eran partidos de preparación, para os xogadores tiñan unha importancia enorme. “Para todos os xogadores, dá igual que sexa amigable ou non: xogar coa selección é un día importantísimo. Son partidos de proba para o seleccionador, para probar xente nova, pero nós como xogadores xogámonos moito. Temos que demostrar, estar activos e facer un bo partido”. Destacou a confianza transmitida por Jesús Velasco: “O seleccionador foi moi cercano. Sorprendeume a súa maneira de transmitir, de dar confianza aos xogadores desde o primeiro día”.
Notou a diferenza de nivel respecto á Liga española. “Nos adestramentos hai moita calidade, moi bos xogadores. A bola vai moi rápido, as xogadas son moi intensas. A nivel de partido, o fútbol sala europeo é un pouco máis duro que o español no sentido físico: os árbitros permiten máis contacto, máis empurróns, xogadas un pouco máis bruscas. Tes que adaptarte, ser máis forte, empurrar máis e facerte un pouco máis duro físicamente”.
No primeiro partido custoulles máis adaptarse (empate a 2), pero no segundo xa se sentiron máis cómodos e fluídos: “Estabámonos máis soltos, con máis confianza, e ao final a selección española ten máis calidade que a finlandesa”.
Pachu tamén se mostrou orgulloso de representar a Galicia xunto ao seu compañeiro Gonzalo Santa Cruz Vasallo, da Coruña. “A selección galega sempre foi moi boa a nivel nacional. Hai moitas licencias, moita xente que xoga ao fútbol sala e iso fai que o nivel sexa alto. Para min Galicia é unha das mellores comunidades en canto a fútbol sala”. Recordou que xa estivera coa selección galega sub-19 e, fai un ano e medio, coa absoluta nun partido contra Cataluña en Barcelona. Este verán haberá a revancha en territorio galego: “Para min é un orgullo. Estaremos atentos para ver se os calendarios coinciden”.
De cara ao futuro, o redondelán é ambicioso pero realista. “Confío en poder estar de volta na selección. Sempre quero máis, quero ser ambicioso. Vou traballar para iso. Hai moito nivel en España. É difícil manterse, pero o seleccionador quere xente que renda. O meu traballo é intentar render todos os anos, manterme co mellor nivel posible para estar máis preto. Se despois chega ou non chega, tamén é decisión do adestrador. Eu teño que poñer todo da miña parte”.









