Foto de Xeila Fervenza
O C.D. Choco caeu derrotado (2-4) ante o líder Pontevedra C.F. “B” e regresou á zona de descenso da Preferente cando só quedan catro xornadas para o final da liga.
Mentres, o Arcade, Soutomaior, Cesantes, Chapela e Atlético Villar sumaron triunfos importantes nas súas respectivas categorías.
Preferente
C.D. CHOCO – PONTEVEDRA C.F. “B” (2-4)
Derrota do Choco no seu campo ante o líder da categoría. Os locais non puideron puntuar e regresan á zona de descenso cando só quedan catro xornadas para o remate da liga. Na próxima xornada, o equipo de Redondela visitará ao UD Atios, segundo clasificado, nun novo encontro de alta dificultade.
O adestrador Álvaro Soto valorou así o partido: “Era un encontro complicado. O resultado final pode dar a sensación de que houbo moita diferenza, pero non foi así. A primeira metade estivo moi igualada. Arrancamos presionando arriba, emparellando os seus xogadores e obrigándoos a dividir o xogo, sen deixar que se sentisen cómodos. Saíunos bastante ben e non conseguiron superarnos con facilidade. Tamén lles complicamos a vida polo lado de Garci, que estivo moi acertado e lle fixo a vida imposible ao seu lateral. Cada vez que recibía o balón, presionábao con intensidade. El foi quen sacou o penalti que nos permitiu adiantarnos no marcador, transformado por Graña. Desafortunadamente, tres minutos despois, unha falta ao bordo da área acabou en gol para eles, cun disparo que se colou pola escuadra.
Na segunda metade, mentres mantivemos o ritmo e a intensidade, plantámoslles cara. Pero en canto baixou a nosa presión, o líder aproveitou dous contraataques para poñerse 1-3. Intentamos reaccionar con cambios, metendo dous dianteiros e subindo liñas, pero nunha xogada desorganizada encaixamos o cuarto. Nos últimos dez minutos, cando eles se puxeron un pouco máis atrás, conseguimos enlazar unha boa xogada por banda que rematou Kevin e recortamos a 2-4. Daba a impresión de que, se marcabamos outro, poderían poñerse nerviosos. Tivemos un par de ocasións claras, con remates de Pablo Pérez e unha xogada de Gil pola banda, pero non logramos o gol. Ao final, quedou ese mal sabor de boca porque na primeira parte críamos que podiamos sacar algo positivo.
Era un deses partidos nos que xogas contra o líder e esperas, polo menos en casa e coa afección, poder rascar un punto. Non tivemos esa sorte. Agora toca pensar no Atios: imos alí a intentar sumar e seguir mirando cara arriba. Se sacamos algo en Atios e logo xogamos con intensidade os partidos contra Villalonga, Porriño e Arnoia, como fixemos na primeira metade contra o Pontevedra, podemos competir con calquera. Hai que preparar ben a semana e tentar darlle un susto ao Atios ou levarnos os tres puntos do Carballo”.
Soto destacou especialmente o rendemento do porteiro Hugo e de García na primeira parte, aínda que valorou positivamente o esforzo xeral do equipo.
Primeira Galicia
FLAVIA S.D. – C.D. ARCADE (1-2)
Victoria do Arcade no campo do Flavia. Os visitantes suman tres puntos e mantéñense na zona media da táboa. O próximo compromiso será na casa ante o SD Valiño.
Segunda Galicia
C.D. SOUTOMAIOR – U.D.S.M. DEIRO (5-1)
Ampla victoria do Soutomaior no seu feudo. Os locais afianzáronse no cuarto posto, en zona de play-off, e manteñen vivas as súas opcións de loitar polo ascenso. Na próxima xornada visitan ao S.D. Puente Arnelas, terceiro clasificado e rival directo na parte alta, nun choque de alto nivel entre dous conxuntos con aspiracións de subir de categoría.
Terceira Galicia, Grupo Pontevedra
C.D. CESANTES – C.D. MOSTEIRO (4-2)
Triunfo do Cesantes no Campo da Gándara. Con 54 puntos, o equipo mantense no segundo posto da clasificación e segue con firmes opcións de ascenso, un dos obxectivos da tempada. Na vindeira xornada visitan ao S.C.D. Poio, quinto clasificado, que loita por entrar en play-off e non porá as cousas fáciles. Goles de David (2), Hugo e Samuel.
Terceira Galicia Grupo Vigo
CHAPELA C.F. – CABRAL F.C. (13-0)
Goleada histórica do Chapela no seu campo. Os locais, con 52 puntos, consolídanse na zona de play-off (cuarto posto) e continúan loitando pola promoción. O Cabral, pola contra, afúndese no fondo da táboa. Na próxima xornada o Chapela visitará ao CD Coya, segundo pola cola. Os goles repartíronse entre Antoni (6), Cristian (3), Diego (2), Anxo (1) e Youness (1).
DESCANSO SAMPAYO – ATLETICO VILLAR (0-1)
Nova vitoria do Atlético Villar, que se consolida como líder con 67 puntos. Na vindeira xornada recibirán ao CF San Esteban. O gol da vitoria levouno Juan José Carballido no minuto 68.
O adestrador Denis analizou a situación: “Estamos moi preto do ascenso matemático. Teriamos que perder os catro partidos que nos quedan e o Lavadores gañar os cinco que lle faltan para que non sexa así. O domingo en San Martín necesitamos polo menos un punto para certificar o ascenso ao 100 %. Queremos conseguir a vitoria para seguir loitando polo título de liga. Estamos sufrindo un pouco, a dinámica de xogo e as baixas están a lastrarnos”.









