O BNG de Redondela denuncia a situación “precaria” na que se atopan os servizos sociais na parroquia de Chapela, que, segundo indican, leva meses sen traballadora social debido a unha baixa non cuberta. O voceiro nacionalista Xoán Carlos González entende que a situación responden a “unha falla de previsión do goberno municipal que desatende así un departamento tan importante como servizos sociais”.
Segundo explicou González a situación prolongase desde o mes de febreiro e ven dada porque hai unha persoa de baixa. Critica a falta de previsión d goberno local “ incapaz de anticiparse e contar cunha lista de substitución actualizada e preparada” para garantir a continuidade dun servizo básico como son os servizos sociais.
Desde o BNG advirten de que esta carencia está a ter consecuencias directas na veciñanza, especialmente nos colectivos máis vulnerables xa que está a provocar que moitas persoas queden sen atender “familias con graves dificultades económicas, persoas maiores ou veciños e veciñas que precisan apoio e asesoramento e que, nestes momentos, non están a recibir a atención que lle corresponde. Ademais sinalan que se están a producir atrasos na tramitación de axudas e xestións esenciais.
A formación nacionalista sostén que este episodio non é puntual, senón que forma parte dunha “deriva” na xestión do goberno municipal, á que acusan de non poñer os medios necesarios para garantir uns servizos públicos de calidade.
Por todo isto, o BNG esixe ao executivo local que cubra de inmediato a praza vacante e que adopte medidas estruturais para evitar que situacións similares volvan repetirse no futuro. “A veciñanza de Chapela non pode seguir pagando as consecuencias da falta de previsión”, subliñou González.
O portavoz nacionalista tamén lamentou ter que trasladar esta problemática aos medios de comunicación, aínda que defendeu que se trata dunha obriga co conxunto da cidadanía. “Se calásemos, seriamos cómplices”, concluíu.









