Hoxe é Venres 5 de Decembro de 2025
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O Realismo Perverso de Jorge Andrés Serrano en Mínima Expresión

Imagen de WhatsApp 2025-10-09 a las 18.33.26_eb92c40b

O Colectivo Pitrina, a través da súa pequena galería MÍNIMA EXPRESIÓN, presenta este outono a exposición DEA, do artista coruñés Jorge Andrés Serrano Mato (A Coruña, 1984). Esta mostra mergulla nas tensións entre o consciente e o subconsciente, a realidade e a aparencia, a natureza e o artificio, a morte e a vida. Serrano propón unha lectura da existencia como un espello distorsionado, onde o real convive co simulacro e o fermoso co inquietante. Neste espazo de contradicións xorde o “Realismo Perverso”, unha estética que explora a beleza do perturbador e a verdade que se agocha tras a imaxe.

A exposición insírese na programación de MÍNIMA EXPRESIÓN para os meses de outubro e novembro, consolidando o compromiso do espazo coa creación contemporánea que desafía convencións e busca novas formas de diálogo entre arte e pensamento. Jorge Andrés Serrano Mato explica que esta mostra forma parte da súa última etapa artística, desenvolvida nos últimos tres ou catro anos, na que traballa con materiais de refugallo para crear esculturas efémeras que serven como modelos para as súas pinturas. “Teñen moito que ver coa Arte Povera do século XX. As miñas imaxes son sempre óleo sobre lenzo e baséanse nestas esculturas efémeras”, detalla o artista.  Neste proxecto, os materiais efémeros e de refugallo conviven con elementos de uso cotián, e DEA –cuxo título evoca en latín a idea dunha deusa, aínda que non sexa literal– integra unha imaxe que forma parte desa serie, acompañada dunha escultura deseñada para aproveitar o espazo da galería.

Para esta intervención en MÍNIMA EXPRESIÓN, Serrano adaptou o seu traballo ao formato reducido da localización. “Escollín unha obra que tiña no meu taller e púxena aí. A idea era facer algo apropiado para a galería, aproveitando as súas características mínimas. Para este proxecto, levo uns 15 ou 20 cadros máis ou menos, pero non sei canto durará, porque igual a semana que vén teño ganas de facer outra cousa diferente. Iso é como che sae”, confesa, subliñando a espontaneidade do seu proceso creativo. A obra expúxose previamente en Lugo e agora chega a Redondela como un guiño ao desexo de Serrano de presentar a exposición completa no Multiusos da Xunqueira, convertíndoa nun aperitivo do seu traballo.

O termo “Realismo Perverso”, que dá nome á súa poética, foi acuñado fai anos por un profesor seu, quen observou nos seus cadros un realismo con elementos fóra de contexto, ao xeito do realismo máxico, pero cun punto macabro. “Tiña que ver co meu interese inicial polo perverso. Ademais, a miña tese, na que estiven uns anos, tratábase do concepto do perverso no século XIX. É un termo que non existía ata agora e que nace das impresións que aportan as miñas obras. Pode ser que saia un movemento de aquí, nunca se sabe”, reflexiona.

Entre os temas que lle interesan destacan a relixión, o antigo e o vello, o inacabado, os daguerrotipos e as antigas fotografías con bordes difusos, así como as imaxes post mortem. “Todo ese tipo de imaxes que hoxe consideramos perversas chámame a atención. Interésanme artistas como Saudek e saeme de forma natural”, engade. Na súa obra repítense simbolismos como animais mortos ou cruces; para modelalos, crea figuras de cartón que logo translada ao óleo, exclusivamente. Utiliza cores apagadas, soportes con imprimación e busca unha pouca luminosidade, inspirada nas fotografías antigas: “Quero algo máis morto, máis apagado. Isto é así de momento, pero pode que cambie cos anos; nunca se sabe como podemos evolucionar”.

Serrano reflexiona tamén sobre o concepto de perverso na arte actual: “Agora mesmo, na arte, xa non hai nada perverso; está todo feito. Despois da segunda metade do século XX, está todo feito. Pode haber casos de artistas polémicos ante a Igrexa ou certos sectores, pero a xente agora ten a vista educada. Incluso moitas veces vemos sen mirar e estamos acostumados a imaxes de guerra e chaman menos a atención os cadro dunha persoa morta. Segue habendo exposicións censuradas, pero non se trata da mirada da xente xa”. Critica, ademais, a autocensura entre os creadores: “Agora mesmo, creo tamén que os artistas nos censuramos moito a nós mesmos e nos limitamos. Eu quero chegar a acabar con esas limitacións para poder conseguir imaxes máis puras, sen importar se exceden os límites”.

Sen obxectivos fixos nin intencións políticas, Serrano defende unha arte pura e desligada das reivindicacións: “Non teño obxectivos; simplemente quero facer o que fago, sen máis interese. Tampouco teño unha intención política, porque creo que a arte debe afastarse diso e ten outra labor diferente. Para educar hai outros medios mellores. Quen queira concienciar ten outras vías; a arte debería estar desligada desas temáticas e enfocarse máis na arte pura que sae do propio artista e non das conviccións do artista”.

A partir de agora, o artista ten previsto retomar a súa faceta docente impartindo talleres puntuais con diferentes temáticas, que anunciará proximamente nas súas redes sociais @jorgeorapronobis. A exposición DEA poderase visitar en MÍNIMA EXPRESIÓN ata finais de novembro, convidando ao público a mergullarse neste universo de tensións e beleza perturbadora.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará