A primeira folga xeral en 14 anos está a ter un importante seguimento en Redondela, a xulgar pola imaxe que ofrecen as rúas do centro da vila. Pouco movemento, persianas baixadas e numerosos establecementos comerciais pechados, mentres que os locais de hostalaría rexistran unha afluencia de clientela inferior á habitual nas primeiras horas da mañá.
Trátase dunha convocatoria atípica, ao producirse ás portas dunha cita electoral, que ten a súa orixe nas mobilizacións polo dereito á vivenda e contra os desafiuzamentos, tras o falecemento de Maricarme. Unha protesta que foi medrando ata desembocar nunha folga xeral convocada polos sindicatos.
Ás dez da mañá, hora habitual de apertura para boa parte dos establecementos comerciais, a estampa no centro de Redondela era pouco habitual. A maioría dos negocios permanecían cos peches botados, aínda que non todos decidiron secundar a convocatoria. Na hostalaría, pola súa banda, a actividade era desigual, con locais abertos pero cunha presenza de clientes máis reducida do habitual.
A mobilización reclama medidas que garantan o acceso a unha vivenda digna e a mellora das condicións salariais, nun contexto marcado polo elevado prezo dos alugueiros, a dificultade para acceder a unha vivenda acorde cos ingresos da maioría da poboación e o incremento xeral do custo da vida.
As mobilizacións, tamén ao longo da xornada
Ademais do peche de establecementos e do seguimento da folga, a xornada estará marcada polas diferentes manifestacións convocadas na contorna.
En Vigo, UXT e CCOO teñen prevista unha marcha ás 11:30 horas, con saída desde Vía Norte, mentres que a CIG convoca outra mobilización ás 12:00 horas desde o Cruce da Dobrada. En Redondela, a protesta terá lugar tamén ao mediodía, ás 12:00 horas, diante da Casa do Concello.
A xornada reivindicativa continuará pola tarde cunha manifestación unitaria en Vigo, convocada para as 18:00 horas con saída desde a Praza de España. A marcha percorrerá distintas rúas da cidade baixo o lema «Fronte á carestía da vida: vivenda, salarios, pensións e servizos públicos».













