Hoxe é Venres 25 de Setembro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O CD Cesantes estréase na Segunda Galicia con boas sensacións e cinco goles de David Álvarez

WhatsApp Image 2026-09-22 at 19.58.58

O CD Cesantes afronta esta tempada un novo escenario tras o seu ascenso á Segunda Galicia, unha categoría na que o equipo redondelán xa deixou boas sensacións nas dúas primeiras xornadas. O conxunto iniciou a competición cun contundente triunfo por 2-6 ante o SD Puente Arnelas, pero non puido manter esa dinámica na segunda xornada, na que caeu por 1-2 na casa fronte ao A Lama SD.

Para o presidente do club, Isaac Otero, o balance deste inicio é positivo, especialmente polo nivel mostrado polo equipo. O ascenso obrigou a introducir algúns cambios na plantilla, aínda que a continuidade foi a nota predominante. “Foron cambios mínimos para adaptarnos á categoría. Aproximadamente o 80% da plantilla mantense respecto da pasada campaña”, explica.

Tamén hai novidades no corpo técnico. Raki e Tino continúan á fronte do equipo, mentres que David Cortegoso incorpórase como adestrador de porteiros. Tras pasar polo CD Choco e contar tamén con experiencia no Celta B e en pretempadas co primeiro equipo celeste, Cortegoso achega ao Cesantes un perfil específico para o traballo cos gardametas.

Un dos nomes propios deste arranque está a ser David Álvarez. O dianteiro e capitán do equipo marcou catro dos seis goles no triunfo ante o Puente Arnelas e volveu marcar contra A Lama, polo que suma xa cinco tantos en dúas xornadas. Otero asegura que a súa capacidade goleadora non é unha sorpresa e lembra que xa destacara en Terceira. “Ten ofertas doutros clubs, pero o sentimento que ten polos Cesantes é descomunal”, afirma. Na pasada campaña, David roldou os 36 goles e chegou a marcar dez nun mesmo encontro, segundo lembra Otero.

Con todo, subliña que o rendemento ofensivo non depende unicamente dun xogador. Iván na portería, Borja, Roi e outros futbolistas forman, ao seu xuízo, unha columna vertebral que se completa coa unión do vestiario. Otero destaca especialmente o traballo diario de Raki e Tino e a importancia dos adestramentos para que o equipo estea ben estruturado.

Coascenso recente, a prioridade é asentarse na Segunda Galicia. “O principal é manterse”, explica Otero.

O fútbol base e o impulso ao feminino

O proxecto do CD Cesantes vai máis alá do primeiro equipo. O club tamén traballa esta tempada para reforzar as categorías inferiores, especialmente infantil e cadete, ao tempo que mantén a aposta polo fútbol feminino. A creación dun cadete feminino fixo que varias xogadoras deixasen as categorías mixtas, polo que o club busca agora completar os equipos masculinos de base.

No feminino, a intención inicial era contar con dous equipos, un de fútbol 7 e outro de fútbol 11, pero finalmente a falta de licenzas impediu sacar adiante o segundo. O equipo de fútbol 7 continuará na competición Pontevedra-Vigo, nunha fórmula mixta coa que se pretende evitar ligas demasiado curtas. O equipo quedou décimo a pasada campaña e conta agora con algúns reforzos. “O importante de todo é que as rapazas saian a xogar ao fútbol, que o desfruten, que teñan boas sensacións e que estean ben coidadas no club”, apunta.

A entidade conta esta tempada con equipos desde biberóns ata cadetes e rolda as 200 licenzas, segundo explica o presidente. Entre as novidades está o equipo de biberóns, con doce fichas e varios nenos e nenas a proba. Tanto para o fútbol base como para o feminino, o Cesantes “mantén abertas as portas a novas incorporacións todo a tempada”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará