Hoxe é Luns 21 de Setembro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Máis de 244.000 euros para renovar nove camiños da parroquia de Quintela

Camiño das Magariñas Quintela

O Concello de Redondela vén de adxudicar as obras de pavimentación e reforma de nove camiños na parroquia de Quintela. A actuación supón un investimento de máis de 244.000 euros e inclúe melloras nos camiños Costeira, Magariñas, Cupiño, camiño Novo Quintela, Fonte da Lama, Muíño do Muro, Pouso de Arriba, camiño da Faxina e a pavimentación de Verdeal. Serán máis de 7.000 metros cadrados de nova pavimentación.

O Goberno local renovará os pavimentos danados, solucionará os problemas de fochancas e estenderá novas redes de pluviais para evitar asolagamentos. Os traballos están integrados no Plan de Investimentos nos Camiños Municipais, dotado cun total de 2,7 millóns de euros de fondos propios.

Trátase dos camiños da Costeira, Magariñas, Cupiño, camiño Novo Quintela, Fonte da Lama, Muíño do Muro, Pouso de Arriba, camiño da Faxina e Verdeal. En todos eles se vai renovar completamente o pavimento asfáltico, que no caso de Verdeal será pavimentado por primeira vez. No camiño Muíño do Muro o tramo final, próximo ao paseo do río Maceiras, rematarase cun pavimento especial de adoquín e bordo de pedra para embelecer a contorna natural. No da Faxina tamén se construirá un muro de formigón de 30 metros de longo para amparar o bordo do camiño.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, destacou que con este novo paso cumprirase “o compromiso adquirido cos veciños e veciñas de Quintela”. “Este plan supón un esforzo económico sen precedentes realizado integramente con recursos do propio Concello, co único obxectivo de dar resposta ás necesidades reais do noso rural, mellorando uns camiños que levaban anos sen recibir o mantemento axeitado”, sinalou a rexedora.

Pola súa parte, o concelleiro de Infraestruturas e Sostibilidade, Roberto Villar, explicou o alcance destas intervencións. “Non nos limitamos a estender asfalto sobre a superficie; a nosa folla de ruta prioriza a sostibilidade e a durabilidade das nosas infraestruturas rurais”, afirmou Villar. As canalizacións de pluviais resolverán as escorrentías de auga “e evitarán a deterioración prematura do asfalto por mor das choivas”, engadiu Villar.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará