CD Choco- Tomiño FC (2-1)
O CD Choco mantén a súa boa dinámica no grupo 6 da Primeira Galicia tras impoñerse por 2-1 ao Tomiño FC no campo local. O conxunto redondelán suma xa 9 puntos en catro xornadas e continúa invicto nesta campaña, despois dunha remontada traballada.
O encontro comezou con igualdade, aínda que o Choco foi superior durante boa parte da primeira metade, segundo explicou o novo adestrador do equipo Fernando Boubeta. Os locais tiveron unha ocasión moi clara no minuto 3, cun remate que acabou no pau, pero foi o Tomiño o que se adiantou no marcador no minuto 40. O gol chegou tras unha perda de balón na defensa redondelá que deixou o dianteiro visitante só ante o porteiro. A partir dese momento, o Tomiño gañou presenza no partido e dispuxo dalgunha ocasión máis antes do descanso.
Na segunda parte, o dominio pasou a ser do Choco, que controlou o xogo e xerou varias ocasións claras antes de atopar o empate no minuto 75, cun remate de cabeza de Kevin que se lle escapou ao porteiro visitante. O equipo redondelán non baixou o ritmo tras o 1-1 e continuou buscando a vitoria. Lucas Rodríguez tivo unha oportunidade moi clara que non conseguiu aproveitar, pero pouco despois, arredor do minuto 90, marcou o gol da remontada. O técnico destacou o traballo do seu equipo e a importancia dunha vitoria “moi traballada ante un dos mellores conxuntos da categoría”.
CD Arcade – Campo Lameiro CD (2-1)
No grupo 5 da Primeira Galicia, o CD Arcade conseguiu o seu segundo triunfo do curso tras vencer por 2-1 ao Campo Lameiro CD como local.
O equipo, que comezara a competición cun empate e unha vitoria, mantén así a súa condición de invicto e engade tres novos puntos no seu camiño nesta tempada. Na seguinte xornada, o Arcade desprazarase para enfrontarse ao Caldas CF.
S.C.D. Ponte Caldelas – CD Soutomaior (2-2)
Tamén na Primeira Galicia, o CD Soutomaior asinou un empate a dous goles fronte ao S.C.D. Ponte Caldelas, nun encontro disputado como visitante. O conxunto suma dous empates e unha derrota nas tres xornadas disputadas, polo que aínda non logrou estrear o seu casilleiro de vitorias. O seguinte compromiso será no campo Graciano Padín, onde recibirá o Cordeiro CF.
CD Cesantes – A Lama SD (1-2)
Na Segunda Galicia, grupo Pontevedra, o CD Cesantes non puido dar continuidade ao seu destacado inicio de competición. O equipo, recentemente ascendido, perdeu por 1-2 na casa ante o A Lama SD.
Os de Cesantes chegaban a esta xornada despois dun contundente triunfo por 2-6 fronte ao SD Puente Arnelas. Nese encontro, David marcou catro dos seis goles do equipo, e volveu ver portería nesta segunda xornada. O dianteiro suma xa cinco tantos en dous partidos, confirmando o seu protagonismo ofensivo. O próximo compromiso será fóra da casa, contra o CD Grove.
Atlético de Villar – CF Cañiza (0-1)
No grupo de Vigo da Segunda Galicia, o Atlético de Villar non conseguiu sumar puntos na súa segunda xornada de competición.
O conxunto, que tamén estrea categoría tras o ascenso da tempada pasada, recibiu o CF Cañiza no campo de San Martín. O encontro rematou cunha derrota por 0-1.
Na próxima xornada, o Atlético de Villar visitará o Caldelas CD para tentar conseguir os seus primeiros puntos da campaña.
O Chapela CF mantén o pleno de vitorias
Na Terceira Galicia, grupo Vigo 1, o Chapela CF sumou a súa segunda vitoria consecutiva tras derrotar por 1-0 o EF Norberto Losada no Campo Municipal de Parada. O único tanto do encontro chegou no minuto 43, obra de Humberto Carlos, que lle deu ao equipo local tres puntos para continuar cun inicio perfecto de competición.
O Chapela desprazarase na próxima xornada para enfrontarse ao Balaídos CF.









