Hoxe é Luns 21 de Setembro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

A Anpa do colexio de Portocabeiro transforma o seu patio cun novo mural e un parque vial

cole

Esta actuación, que xurde da colaboración da Anpa co Centro escolar, permitiu crear un novo espazo educativo, de aprendizaxe e convivencia para o alumnado, recuperando e poñendo en valor unha zona pouco empregada e con privilexiadas vistas ao monte Galleiro. A intervención consistiu na creación dun parque vial para uso do alumnado que se completou cun mural a cargo da artista redondelá Paula Amoedo.

O CEIP Plurilingüe Porto Cabeiro incorpora ao seu espazo escolar un novo mural e un parque vial, dando continuidade á aposta do centro por converter os seus recunchos en espazos de aprendizaxe, convivencia e expresión artística. Ao longo dos últimos anos, diferentes artistas como Abi Castillo, Alba Troiteiro, Sergio Leiros, Eva Casais, Alba Casanova, Lidia Cao, foron deixando a súa pegada nas paredes do colexio, creando un percorrido artístico que acompaña o día a día do alumnado e que transforma os espazos nos que transcorre a actividade escolar en lugares máis acolledores e inspiradores.

Neste novo espazo creouse un novo ambiente para o alumnado no que arte, natureza e aprendizaxe se dan a man. O mural, realizado por Paula Amoedo, incorpora motivos vexetais e unha composición chea de cor que busca integrarse na contorna e dialogar coa paisaxe que rodea o colexio. A intervención pretende facer deste lugar un espazo máis acolledor, agradable e inspirador, achegando tamén a natureza e a arte á vida cotiá do alumnado.

A actuación complétase coa creación dun parque vial, deseñado para que as nenas e nenos poidan aprender e practicar, a través do xogo, aspectos básicos da seguridade viaria. O espazo incorpora percorridos, sinalización, pasos de peóns e diferentes elementos que permitirán traballar as normas de circulación dun xeito práctico e adaptado ás idades do alumnado.

Máis alá da propia educación vial, o novo espazo está concibido como un lugar de lecer, convivencia e aprendizaxe e permitiu recuperar e poñer en valor un espazo que ata agora estaba pouco empregado e que conta cunha localización privilexiada dentro do centro. Trátase dun auténtico balcón aberto á contorna, desde o que se poden contemplar unhas espectaculares vistas sobre o val e o monte Galleiro, o punto máis elevado de todo o val.

Con esta actuación, o CEIP Plurilingüe Porto Cabeiro continúa facendo dos seus espazos lugares para aprender, compartir e desfrutar, demostrando que a educación tamén se constrúe fóra das aulas, a través dos valores e achegando ao alumnado ao coñecemento da historia e do patrimonio da contorna.





Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará