Dúas das crías apareceron mortas e as outras tres foron rescatadas polo Concello tras seren localizadas dentro dunha bolsa de plástico nun colector do lixo no lugar de Saramagoso, no Viso. Un novo caso de maltrato animal que está a ser investigado. Pídese as persoas que dispoñan dalgún dato que poida facilitar a idenficación dos autores deste feito que se poñan en contacto co Departamento de Medio Ambiente no teléfono 604 044 165.
O Departamento de Medio Ambiente do Concello de Redondela solicita a colaboración da veciñanza para identificar ás persoas responsables dun novo caso de maltrato animal rexistrado no municipio. Cinco crías de gato recén nacidas foron abandonadas no interior dunha bolsa de plástico e depositadas nun colector do lixo no camiño do Castro, no barrio de Saramagoso, co único obxectivo de que morreran.
O achado produciuse este xoves, 20 de agosto, arredor das 9:20 horas. Cando foron localizados os animais, dous deles xa estaban mortos. As outras tres crías foron rescatadas polo persoal do Departamento de Medio Ambiente e atópanse agora a salvo, aínda que precisan de coidados para garantir a súa supervivencia.
Desde o Concello cualifican os feitos de “especial gravidade” e lembran que o abandono de animais constitúe unha infracción grave. Advirten, ademais, das consecuencias que podería ter tido o abandono se os animais non foran descubertos a tempo, xa que poderían acabar afogados, triturados polo camión de recollida do lixo ou mesmo incinerados.
O Departamento de Medio Ambiente mantén aberta unha investigación para tratar de identificar aos responsables e fai un chamamento á cidadanía para que facilite calquera información que poida contribuír a esclarecer o sucedido.
As persoas que dispoñan de datos poden contactar co Departamento de Medio Ambiente no teléfono 604 044 165.











