A banda arxentina Ráfaga, autora de éxitos como Mentirosa, será a gran protagonista dun dos eventos máis multitudinarios do ano: o entroido de verán. Unha cita que chega a súa 27 edición ao ritmo da formación internacional e do grupo galego Monolious Dop. Non faltará a tradicional Gala drag, a música dos DJs Olalla Gonzalezz, Borja Rua, Kike Varela e Rodri Vegas e as propostas infantís que se desenvolverán na Praza de Ponteareas, na Pista da Xunqueira e na Praza da Torre.
A programación arrancará ás 18:00 horas con propostas dirixidas ao público infantil. A Praza de Ponteareas acollerá unha xincana con inchables, mentres que na Pista da Xunqueira haberá inchables con auga. Ás 19:30 horas, a Praza da Torre será escenario do espectáculo musical A bailar, da compañía Animar-T. Xa ás 21:00 horas, a diversión continuará na Xunqueira coa tradicional Festa da Escuma.
A partir das 20:00 horas, a festa trasladarase tamén ao Campo da Feira, onde os DJs Olalla Gonzalezz e Borja Rua serán os encargados de quentar o ambiente ata as 21:30 horas. Nese momento dará comezo a Gala Drag, unha das citas máis agardadas da noite.
A música en directo chegará ás 23:00 horas con Monoulious DOP, que actuará ata as 00:30 horas. Será entón cando Ráfaga tome o escenario para ofrecer un concerto no que non faltarán algúns dos seus temas máis coñecidos e que se prolongará ata as 2:15 da madrugada.
A última parte da festa correrá a cargo dos DJs Kike Varela e Rodri Vegas, que manterán a música no Campo da Feira ata as 4:00 horas.
A alcaldesa, Digna Rivas, subliña que o obxectivo é ofrecer unha programación «que teña en conta tanto ao público infantil e familiar como á mocidade e público adulto» e anima á veciñanza e aos miles de visitantes previstos a gozar dunha das grandes festas do verán redondelán con retranca, orixinalidade, respecto e moderación.
Autobuses especiais para facilitar os desprazamentos
Co obxectivo de facilitar os desprazamentos e fomentar o uso do transporte público, habilitarase un servizo especial de autobuses con conexións de ida e volta entre Redondela, Vigo, Pontevedra e O Porriño. Os servizos cara a Redondela comezarán a funcionar ás 18:00 horas, mentres que o transporte de regreso estará operativo ata as 06:00 horas.
O Concello tamén reforzará as medidas de seguridade. Estará prohibido introducir recipientes de cristal nos espazos oficiais do evento e habilitaranse Puntos Violeta e Arcoiris. Ademais, o recinto estará considerado un espazo libre de violencia machista.










