Hoxe é Mércores 5 de Agosto de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Redondela ofrece este domingo unha xornada con natureza e lecer para a mocidade

763089231_1229272682658594_6779684176796051231_n

O Concello de Redondela prepara para este domingo, 9 de agosto, unha intensa xornada de actividades gratuítas que combinan natureza, divulgación ambiental e ocio xuvenil. A programación inclúe dous roteiros guiados dentro da oferta estival de Turismo e Medio Ambiente e rematará coa celebración anticipada do Día da Xuventude cunha festa ao aire libre en Quintela.

A primeira proposta da xornada será o Roteiro das Pedras de Ventosela, unha actividade de sendeirismo que dará comezo ás 9.30 horas. O percorrido permitirá descubrir un dos espazos naturais máis singulares do municipio a través dunha ruta guiada dirixida a todos os públicos.

Xa pola tarde, entre as 19.00 e as 21.00 horas, desenvolverase o roteiro divulgativo “Usos das plantas da vila”, cun percorrido polo novo paseo de Porto Cedeira. Durante a actividade, as persoas participantes aprenderán a identificar diferentes especies vexetais presentes na contorna e coñecerán os seus usos medicinais, alimentarios e tradicionais, da man dun guía especializado. A iniciativa pretende achegar o patrimonio natural de Redondela á veciñanza e aos visitantes a través dunha experiencia divulgativa e participativa.

As dúas actividades son gratuítas, aínda que contan con prazas limitadas. As inscricións poden realizarse na Oficina de Turismo de Redondela, no teléfono 986 401 713 ou a través do correo electrónico turismo@redondela.gal.

A programación completarase pola noite coa celebración do Día da Xuventude, que este ano se adianta á súa data habitual. A cita terá lugar en Quintela a partir das 21.00 horas, cunha festa ao aire libre amenizada pola Disco Móbil CDC.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará