Case dous meses despois de que rematase o prazo previsto para avanzar no proceso de deslinde entre os concellos de Redondela e Mos na contorna do Miliario Romano, os colectivos veciñais de Vilar de Infesta reclaman ao Concello de Redondela que informe publicamente sobre o estado do expediente e explique os motivos polos que, aseguran, non se cumpriron os compromisos adquiridos pola Comisión de Deslinde.
As asociacións lembran que o pasado 12 de marzo de 2026 se reuniu a Comisión de Deslinde entre ambos municipios, un encontro que cualifican como un avance significativo tras máis de dous anos de reivindicacións veciñais para resolver definitivamente a delimitación territorial nesta zona.
Naquela reunión, Redondela e Mos acordaron contratar un técnico ou unha empresa especializada para elaborar un levantamento topográfico xeorreferenciado, tomando como referencia a Acta de Deslinde do Instituto Xeográfico e Catastral de 1940, documento histórico considerado a base técnica para fixar os límites entre os dous concellos.
Segundo o calendario anunciado polas administracións, ese traballo debía estar rematado nun prazo de tres meses para convocar unha nova Comisión de Deslinde e continuar coa tramitación do procedemento. Porén, os colectivos aseguran que, transcorrido ese tempo, non teñen constancia de avances nin se ofreceron explicacións públicas sobre a situación do expediente.
As asociacións sosteñen que a demora respondería á falta de impulso por parte do Concello de Redondela e consideran necesario que o goberno local detalle en que punto se atopa o proceso, as razóns do atraso e un novo calendario que permita cumprir os compromisos anunciados publicamente.
Os colectivos veciñais destacan que durante estes máis de dous anos mantiveron unha actitude de colaboración coas administracións para facilitar unha solución ao conflito, polo que solicitan que se respecte o traballo desenvolvido e que se lle dea ao procedemento a prioridade que consideran necesaria para avanzar cara á súa resolución.
Tamén expresan a súa preocupación porque, malia existir un acordo concreto con actuacións definidas e prazos establecidos, o proceso volva quedar paralizado sen información pública sobre o desenvolvemento dos traballos. Ao seu xuízo, esta situación contribúe a deteriorar a confianza da cidadanía nas institucións cando os compromisos anunciados non se executan nin se explican.
Por este motivo, as asociacións reclaman ao Concello de Redondela que informe do estado actual do expediente, xustifique o incumprimento do calendario previsto e impulse de maneira inmediata as actuacións pendentes para retomar o procedemento de deslinde.
Os colectivos conclúen reiterando a súa disposición a seguir colaborando con ambas administracións para facilitar unha solución definitiva, confiando en que o diálogo e o rigor técnico, histórico e social permitan culminar con éxito un proceso que permanece aberto desde hai décadas.











Unha resposta
Non sei como se deu está información, pero o término “colectivos veciñais” é moi amplo.
Está ben ter esta información, pero o mellor é presentar un rexistro no Concello, iso si que non xera dúbidas e, como administración pública, deberían facilitar o acceso ao expediente.
Que o Concello de Redondela non queira este deslinde é algo raro, xa que está proxectado unha ampliación do polígono de Mos que pode deixar uns bos recursos económicos canto maior sexa o espazo que collan de Redondela.