O proxecto, incluído no Plan de Seguridade Viaria dos Camiños de Santiago, afecta a 14 parcelas no municipio e abre un prazo de 30 días hábiles para que as persoas propietarias presenten alegacións antes da aprobación definitiva do trazado.
A Xunta de Galicia iniciou o trámite de información pública do proxecto de mellora dos tramos comúns dos Camiños Portugués e Portugués da Costa, unha actuación enmarcada no Plan de Seguridade Viaria dos Camiños de Santiago que busca incrementar a seguridade das persoas peregrinas nos puntos nos que actualmente comparten espazo co tráfico rodado.
O anuncio, publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG), inclúe a relación de bens e dereitos afectados por unha actuación que abrangue un total de 248 parcelas distribuídas en 14 concellos das provincias de Pontevedra e A Coruña. Entre eles atópase Redondela, onde o proxecto contempla a posible afección a 14 predios.
A intervención pretende crear itinerarios máis seguros nos treitos onde os peregrinos circulan pola beiravía ou por zonas próximas ás estradas. O Goberno galego explica que esta iniciativa forma parte da súa estratexia de mobilidade sostible e conta cun investimento global superior aos 40 millóns de euros para actuar en máis de 150 quilómetros das nove rutas xacobeas terrestres.
No caso de Redondela, municipio no que conflúen o Camiño Portugués tradicional e o Camiño Portugués da Costa, o documento identifica parcelas de titularidade particular, do Concello e de comunidades de montes. Entre elas figura un predio pertencente ao monte veciñal de Vilar, cunha das superficies de ocupación previstas máis amplas do municipio.
A Xunta aclara que a publicación do proxecto non supón a aprobación definitiva nin implica o inicio inmediato de expropiacións. A relación publicada recolle as superficies que, de manterse o trazado actual, poderían ser adquiridas pola Administración mediante o correspondente procedemento expropiatorio e coa indemnización que legalmente corresponda. En moitos casos a afección limítase a unha parte da parcela e tamén se identifican elementos como muros, peches ou sebes que poderían verse afectados.
Desde este mércores 5 de agosto ábrese un prazo de 30 días hábiles para que as persoas propietarias poidan presentar alegacións ante a Axencia de Turismo de Galicia. Durante ese período poderán corrixir erros na identificación das parcelas, cuestionar a necesidade da ocupación prevista, propoñer trazados alternativos ou achegar documentación que consideren relevante antes de que o Consello da Xunta aprobe os trazados definitivos.
A documentación completa do proxecto poderá consultarse na sede da Axencia de Turismo de Galicia, nas áreas provinciais de Pontevedra e A Coruña, nos 14 concellos afectados —entre eles Redondela— e tamén a través da páxina web de Turismo de Galicia. Unha vez resoltas as alegacións, a Xunta decidirá se mantén ou modifica o trazado antes de avanzar na execución das obras.









