Hoxe é Xoves 30 de Xullo de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O XXI Festival Internacional de Reboreda reúne grupos de Galicia, Portugal e León

IMG_6098

A música e a danza tradicional volverán converter Reboreda nun punto de encontro do folclore peninsular coa celebración da XXI edición do Festival Internacional de Reboreda, organizado pola Asociación Folclórica O Carballo das Cen Pólas. O Torreiro de Festas acollerá o sábado 1 de agosto, a partir das 21:00 horas, as actuacións do Rancho Folclórico da Asociación Cultural e Desportiva São Martinho de Brufe, chegado de Vila Nova de Famalicão (Portugal), do Grupo de Danza y Paloteo Virgen de las Angustias, da localidade leonesa de Pobladura de Pelayo García, e da propia agrupación anfitrioa.

O domingo, desde as 12:00 horas, celebrarase unha sesión vermú e festival de fin de curso coa participación do Grupo Folclórico Nosa Terra, de Pereiras-Mos, e das escolas de O Carballo das Cen Pólas.

A presidenta da asociación organizadora, María Martínez, explica que o festival nace coa intención de “amosar o traballo que se fai durante todo o ano nos ensaios” e, ao mesmo tempo, crear pontes entre tradicións de diferentes territorios. Un encontro que conta co apoio do Concello de Redondela e doutros colaboradores e que, segundo destaca, permite compartir escenario con agrupacións de Galicia, Portugal e doutros puntos da Península.

Martínez subliña que a elección dos grupos convidados responde á procura dun intercambio cultural enriquecedor. Nesta edición, asegura, o colectivo leonés sorprenderá ao público porque “as danzas son completamente distintas” ás que se acostuman ver en Galicia, unha diferenza que tamén se aprecia na indumentaria tradicional. No caso de Portugal, explica que as semellanzas ou diferenzas dependen da zona de procedencia, polo que cada edición permite descubrir novas formas de entender o folclore.

O domingo terá un marcado carácter familiar e servirá tamén para dar protagonismo á canteira da asociación. Actualmente, O Carballo das Cen Pólas conta con arredor de 40 integrantes entre as diferentes seccións e aproveitará esta xornada para que os alumnos que se están iniciando no baile ou nos instrumentos poidan mostrar o aprendido ao longo do curso.

A presidenta recoñece que a resposta dos máis pequenos é positiva, aínda que admite que existe un baleiro xeracional entre a infancia e os adultos novos, un reto que a entidade trata de combater incorporando novos participantes.

Despois de dúas décadas de edicións, o festival continúa medrando en asistencia e consolidándose como unha cita de referencia en Reboreda. María Martínez destaca a boa acollida que recibe cada ano tanto por parte da veciñanza como de visitantes doutros lugares e anima a quen nunca asistiu a achegarse ao torreiro. O recinto ofrece un espazo amplo, sombreado e cun servizo de cantina con bebidas e bocadillos para que o público poida gozar da programación con comodidade.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará