A Deputación de Pontevedra abre este venres, 31 de xullo, o prazo de inscrición para participar en Catas con Historia, unha proposta que combina patrimonio, enoloxía e gastronomía no Castelo de Soutomaior. As actividades celebraranse os días 6, 12 e 20 de agosto ás 19.30 horas, guiadas polo sommelier Jacobo Rivas, encargado da selección dos viños en cada sesión. Haberá 15 prazas por cita e as reservas poderán realizarse desde as 10.00 horas a través da web do Castelo de Soutomaior.
O programa arrancará o 6 de agosto con “Rías Baixas de norte a sur”, un percorrido polas cinco subzonas da D.O. Rías Baixas acompañado de produto local de tempada. O 12 de agosto celebrarase “A eclipse no viñedo”, unha cata que coincidirá coa eclipse solar e incluirá material homologado para a súa observación, mentres que o ciclo rematará o 20 de agosto con “O reto do sommelier”, unha cata a cegas por equipos na que os participantes deberán descubrir os viños a partir das pistas ofrecidas por Jacobo Rivas, tamén con maridaxe de produtos da contorna.









